Os reguladores de EEUU aproban a venda de Univisión a investidores privados

EEUU aprobou a venda de Univisión a un grupo de investidores privados e chegou a un acordo coa cadea de TV en español para o pagamento dunha multa de 24 millóns de dólares, que liquidará un litixio pendente sobre programación infantil.
A luz verde da Comisión Federal de Comunicacións (FCC) chega seis meses despois de que se acordase a venda de Univisión a Broadcasting Media Partners, un grupo privado de investidores que lidera o magnate dos medios de comunicación Haim Saban.

A operación está valorada en 12.300 millóns de dólares, o que equivale a un prezo por acción de 36,25 dólares.

Os comisarios da FCC e Univisión solucionaron tamén o contencioso pendente sobre a ausencia de contido infantil en varias das emisoras da cadea de televisión.

Tres horas semanais para nenos, por lei

Unha lei de 1990 establece que as cadeas deben retransmitir polo menos tres horas semanais de programación infantil, un requirimento que Univisión tratou de cumprir mediante a emisión de telenovelas como "Cómplices ó rescate".

A telenovela segue as aventuras de dúas xemelgas de 11 anos, de aí que Univisión argumentase que se axustaba ó requirimento de programación infantil.

Pero distintas organizacións como "The United Church of Christ" e "National Hispanic Media Coalition" cuestionaron que esas e outras telenovelas fosen aptas para os máis pequenos e decidiron demandar a Univisión. Os reguladores estadounidenses deron a razón ós demandantes.

Federico Subervi, un consultor de medios experto en programación infantil e un dos que testemuñou a favor de "United Church of Christ", dixo confiar en que a multa sirva para que tanto Univisión como o resto de emisoras de televisión en español inclúan máis programas para nenos.

"Hai unha gran escaseza de programación educativa en Univisión", dixo Subervi, quen destacou que "fose mellor que en lugar de ir parar ó Goberno de EEUU, os 24 millóns se destinasen a programación infantil". Subervi celebra que o actual presidente da FCC, o republicano Kevin Martin, trate de impulsar "máis programación familiar" nas cadeas.

"Unha das grandes responsabilidades (das cadeas) é retransmitir programación que serve para educar e informar ós nenos", sinalou Martin nun comunicado no que dixo que, por definición, as telenovelas "non son educativas". Engadiu que a decisión adoptada lembra a todas as cadeas as súas "responsabilidades e obrigas".

Como parte do acordo acadado coa FCC, Univisión entregou ós reguladores un proxecto pormenorizado que "asegurará o cumprimento futuro" coa lei de 1990, sinalou a Comisión Federal de Comunicacións nun comunicado.

EL MUNDO/EFE
WASHINGTON