Ourense acolle este sábado o derradeiro obradoiro aberto sobre tratamento das violencias contra as mulleres
Este sábado 7 de novembro, entre as 10:30 e as 13:30, vai celebrarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o último obradoiro aberto e gratuíto sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, impartido por Marga Tojo, que ten aberta a inscrición en liña. Esta actividade é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026, e está organizada dentro do proxecto do CPXG que xa levou esta formación ás redaccións dalgúns dos principais medios galegos, ademais de a obradoiros abertos noutras cidades.
Tras os talleres realizados na Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa co seu programa de formación específica sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, co último dos obradoiros abertos que buscan achegar estes necesarios coñecementos profesionais a xornalistas que traballan á peza ou en medios pequenos aos que non chegara a formación nas redaccións, así como tamén a profesionais dos grandes medios que non puideron asistir aos talleres anteriores. Neste caso, o obradoiro vai realizarse en Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense (Rúa do Progreso, 30), este sábado 7 de novembro, en horario das 10:30 ás 13:30 horas, facilitando tamén aos e ás comunicadoras desta provincia o acceso a esta formación.
O obradoiro vai estar impartido por Marga Tojo. Especializada en políticas sociais e desigualdade, Tojo forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, colectivo na defensa dun xornalismo con perspectiva feminista. As súas colaboracións pasan por medios como Público, eldiario.es, Nós Diario ou a Radio Galega, e ten un mestrado en estudos de xénero e xestión de políticas da igualdade. Ademais de xornalismo, fai novela, ensaio e poesía. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Para poder asistir a este obradoiro é imprescindíbel inscribirse previamente a través deste formulario online. A formación é gratuíta para todos os e as profesionais da comunicación. As prazas, limitadas, adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Posteriormente, entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes na formación.
O programa
Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis. Ademais dos talleres abertos xa realizados, este ano organizouse unha xornada de formación no Diario de Pontevedra e outra en Atresmedia, e en breve desenvolveranse en El Correo Gallego e Diario de Ferrol. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG