Patricia Hermida: "Non deixo de ser xornalista, o xornalismo foime deixando a min"
O 17 de marzo de 2020 Patricia Hermida (San Sadurniño, 1977) comezou a publicar en El Correo Gallego un diario do confinamento. Relato da intimidade illada, do teletraballo con fillos pequenos ou da angustia por un pai enfermo, adobiouno coa mesma prosa indómita coa que retrata Ferrol, a súa “cidade metálica”, desde hai dúas décadas. No ano que lle cambiou a vida a todo o mundo, Hermida decidiu deixar o xornal no que traballou nos últimos 17 anos. Continúa sendo a correspondente de RNE en Ferrolterra pero xa non ve o seu futuro profesional no xornalismo. O Club de Prensa de Ferrol e a Concellería de Igualdade da cidade recolleron o seu testemuño dos primeiros meses da pandemia no libro Antonio. Diario do confinamento, dedicado ao pai da xornalista, falecido o ano pasado.
–Ti es unha apaixonada da profesión, por que decidiches deixala?
Non deixo de ser xornalista porque non deixamos de selo nunca despois de tantos anos traballando, pero o xornalismo foime deixando a min pouco a pouco pola precariedade da profesión. O ano 2020 foi moi complicado para todos, no meu caso non só pola pandemia, senón porque faleceu o meu pai e porque o traballo era cada vez máis precario. Tiven que preguntarme se ía pasar a vida arrastrándome como xornalista autónoma, traballando para varios medios da mañá á noite, loitando para cobrar… Dixen ‘ata aquí cheguei’ e púxenme a preparar oposicións. Non se deixa de ser xornalista, e en canto poida intentarei escribir, aínda que sexa na miña casa, pero a vida é moi curta, como me demostrou o 2020. A min faime feliz a miña profesión, pero ten que ser digna e non estou disposta a seguir loitando para cobrar, que é moi duro dicilo pero é o que hai. Para min é a mellor profesión do mundo, pero non podes estar denunciando a situación doutros colectivos laborais, os impagos, se estás igual. E se tes dous fillos pequenos queres darlles unha imaxe de que a vida non é traballar en precario. Pero tampouco hai que dramatizar, hai que desfrutar do vivido.
–Ti que cubriches tantas manifestacións reclamando dereitos laborais en Ferrol, cres que no periodismo poderiamos aprender algo dos traballadores doutros sectores?
Ves como pechan empresas, como cada vez hai menos traballo na comarca e ás veces cando denuncias a situación do teu colectivo –aínda que sexa nas redes sociais, porque nos medios é case imposible– sénteste unha tola clamando no deserto. Sobre todo cando denunciamos a situación do xornalismo para as mulleres, porque as mulleres estamos moitísimo peor. Dígoo claramente e quero dicilo canto antes para que non me esqueza. Nas pequenas cidades dáse un fenómeno que fai que os mellores postos sexan para homes sen ningún tipo de formación. Por que? É algo que non me entra na cabeza cando xa hai décadas que temos unha facultade de Xornalismo en Galicia que é pública.