Preocupación pola situación da profesión en América Latina

Na última semana, diversas informacións sobre o exercicio do xornalismo en México, Guatemala e Nicaragua fixeron aumentar a inquietude polas condicións da profesión nesa parte do globo. O asasinato de Ernesto Méndez, a detención de José Rubén Zamora ou o feche de varios medios de comunicación nicaraguanos son novas que fan pensar nunha nova vaga de represión cotnra a liberdade de prensa neses países. 

Na noite do pasado martes, 2 de agosto, un comando armado asasinaba a tiros a Ernesto Méndez, director do xornal Tu Voz, na localidade mexicana de San Luis de la Paz, próxima a Guanajuato. Méndez recibira ameazas en relación co seu traballo. Con esta morte, xa son trece os xornalistas asasinados no país latinoamericano no que vai de ano, dos cales polo menos nove, segundo a organización Article 19, o foron por causa do seu labor informativo. A cifra é un novo exemplo da perigosa situación que vive a profesión en México, que levou a organismos como o Parlamento Europeo ou o Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos a reclamar medidas para mellorar a protección dos informadores e rematar coa impunidade. O número de xornalistas mortos en México xa supera o do ano pasado, cando este país se situou como o segundo con máis profesionais asasinados, un total de oito (dos 46 en todo o mundo).  

Mais México non é o único país da zona onde preocupa a situación da profesión. En Guatemala, causou indignación esta semana o arresto de José Rubén Zamora, presidente de El Periódico, que foi acompañado da invasión policial do medio, a cuxos traballadores se lle impediu a comunicación durante a mañá. O xornal matutino tense destacado na denuncia da corrupción administrativa no país centroamericano, polo que recibiu recentemente o Premio Internacional de Xornalismo Rei de España. Zamora continúa encarcerado baixo a acusación de "lavado de diñeiro", logo de que este luns fora suspendida a primeira audiencia do seu caso, e as contas de El Periódico están embargadas. A rede Rompe el Miedo Guatemala xa ten denunciado outras agresións contra profesionais que informan sobre a corrupción, como o ataque cibernético a No Ficción ou as ameazas de morte a Sonny Figueroa.

Entrementres, en Nicaragua continúan os ataques contra o xornalismo. Á saída, nas últimas semanas, de todos os traballadores do emblemático xornal La Prensa (pechado polo goberno o ano pasado, mais que mantén actualizada a súa web desde o exilio e a clandestinidade), sumáronse estes días novos peches de medios: seis emisoras católicas da diócese de Matagalpa, a radio comunitaria feminista Radio Vos e a canle de televisión RB3, todas elas no norte do país. O movemento Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua e a Sociedade Interamericana de Prensa condenaron os novos cerramentos, que se suman á precaria situación da comunicación no país. 

CPXG