Presentada en Oleiros a 'Guía de periodismo inclusivo' de Lucía Quiroga

Lucía Quiroga presentou este luns en Oleiros a súa Guía de periodismo inclusivo: Perspectiva de género interseccional en la construcción de mensajes mediáticos, publicada coa axuda do Instituto das Mulleres, que se presenta como ferramenta para aplicar a perspectiva de xénero na comunicación. A xornalista participou tamén nun debate sobre a situación da profesión xunto a Cláudia Morán, Marga Tojo, Montse Montaos e Pablo Cibeira.

A Casa Charry de Oleiros acolleu o luns 29 de xuño a presentación en Galicia do libro Guía de periodismo inclusivo: Perspectiva de género interseccional en la construcción de mensajes mediáticos, da xornalista natural de Santa Cruz Lucía Quiroga. A autora estivo acompañada por Cláudia Morán e Marga Tojo, das Xornalistas Galegas; Montse Montaos, responsábel da agrupación de xornalistas das Comisións Obreiras; e Pablo Cibeira, concelleiro de Comunicación do Concello de Oleiros. Todas elas participaron dun debate arredor do tema "Quen conta as noticias e como? Repensando o xornalismo desde o feminismo". 

Guía de periodismo inclusivo é unha publicación subvencionada polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade que busca servir como ferramenta para mellorar a comunicación mediática desde unha perspectiva de dereitos humanos, con especial atención á linguaxe, ao uso das fontes e á representación das mulleres nos medios. A guía aborda algúns dos principais desafíos do xornalismo con perspectiva de xénero, con especial atención á cobertura da violencia machista, a necesidade de incorporar unha mirada interseccional nos relatos mediáticos e o papel das editoras de xénero nos medios de comunicación, e alerta tamén de aspectos como o impacto da intelixencia artificial ou as dinámicas de viralidade e polarización nas redes. Fronte a iso, propón ferramentas prácticas para avanzar cara a unha comunicación máis igualitaria, rigorosa e democrática, percorrendo todo o proceso informativo.

Na mesa de debate, as xornalistas participantes destacaron a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero ás prácticas xornalísticas, así como a importancia de revisar erros habituais nos medios como o tratamento sensacionalista ou a infrarrepresentación das mulleres. Tamén se analizou o impacto que están a ter as novas narrativas das redes sociais, que favorecen a espectacularización da información e a difusión de desinformación fronte a un xornalismo rigoroso, crítico e con perspectiva de dereitos humanos.

CPXG