Prezo especial para membros do CPXG nun obradoiro desde Ucraína con Emilio Morenatti

La Plantación organiza o sábado 23 de abril o obradoiro desde Ucraína con Emilio Morenatti O oficio de mirar e o compromiso coa realidade. O taller desenvolverase de maneira virtual entre as 17.00 e as 21:15 horas, e ten prezo reducido para as colexiadas e os colexiados do CPXG.

Emilio Morenatti, premio Pulitzer 2021 e un dos fotoxornalistas de maior prestixio mundial, é un fotógrafo cunha mirada especialmente respectuosa coas persoas que viven unha situación dramática. Logo de máis de trinta anos de carreira, desde o inicio nun modesto xornal local ata o seu traballo como fotógrafo e editor en AP, a maior axencia de prensa do mundo, Morenatti experimentou os límites, perdeu unha perna nunha explosión en Afganistán en 2009, e tamén contribuíu a ensanchar o papel que a fotografía ten na cobertura dun conflito: hai poucos días as súas imaxes fixas abrían telediarios de todo o mundo.

Programado inicialmente como un taller presencial, a realidade das últimas semanas levou a deseñar un taller ben distinto: catro horas con Emilio Morenatti desde Ucraína, desde o seu lugar de traballo, como fotorreporteiro do staff de Associated Press e editor de boa parte do traballo doutros fotógrafos. O sábado 23 de abril, Morenatti estará en Kíiv ou, dependendo dos acontecementos, na rexión do Donbás., con todo o que iso pode supór de dificultades na conexión ou un xiro radical nas previsións por algún acontecemento puntual. Desde ali quere facer chegar aos participantes como é o día a día dun fotógrafo en Ucraína, como é a preparación e a loxística dos fotógrafos, cal é a técnica e ata os ingredientes tecnolóxicos que permiten enviar as imaxes en situacións límite e como é a relación coa xente.

O obradoiro ten un prezo xeral de 75 euros, cun desconto do 10% para colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas. Para acceder ao desconto, compre inscribirse no obradoiro a través do enderezo de correo info@laplantacion.info, enviando un xustificante de ser membro do Colexio, e a continuación seguir as instrucións facilitadas.

Máis información na páxina web de La Plantación, no teléfono 692958529 ou no correo electrónico info@laplantacion.info.

CPXG