Primeira condena de cárcere en España a unha xornalista por revelación de segredos
Unha xornalista de Huelva Información foi condenada a unha pena de dous anos de cadea por revelación de segredos, por unha serie de informacións sobre as dilixencias do asasinato de Laura Luelmo. A sentenza foi recurrida tanto polo editor do xornal e pola Fiscalía, aínda que esta última non cuestiona o delito, mais solicitando rebaixar a pena por actuar "en exercicio da profesión xornalística". A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas e outras organizacións xornalísticas manifestaron a súa preocupación por un precedente que pon en risco a liberdade de prensa.
A finais da pasada semana dábase a coñecer a primera condena de cadea a unha xornalista en España por revelación de segredos. A sección terceira da Audiencia de Huelva sentenciaba a unha profesional do diario Huelva Información a dos años de cárcere e unha multa de 3.240 euros, así como á inhabilitación para o exercicio da profesión durante o tempo da condena, pola publicación dunha serie de información sobre as dilixencias abertas polo asasinato de Laura Luelmo. A sentenza afirma que os detalles pormenorizados da investigación dos que informaba a xornalista nos seus artigos eran "innecesarios e irrelevantes para o interese público da información" e resolve tamén que a xornalista e o medio, como responsábel subsidiario, deben indemnizar con 30.000 euros aos dous familiares da moza asasinada, que denunciaron á xornalista. Outro comunicador do mesmo xornal, que tamén fora denunciado, foi absolto ao considerarse que a información que publicou non incurría en revelación de segredos.
O veredicto pode ser aínda modificado polo Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA). O Ministerio Fiscal xa presentou un recurso de apelación contra a sentenza da Audiencia de Huelva no que pide manter a condena por revelación de segredos, aínda que solicita que "aprezando a concurrencia da eximente incompleta de actuar en exercicio da profesión xornalística" se rebaixe a pena de prisión a nove meses. A Fiscalía considera que "non podemos obviar que en caso contrario estariamos abrindo a posibilidade de graves e numerosas condenas privativas de liberdade por excesos xornalísticos que deben ser resoltos á marxe do dereito penal", pero non cuestiona a comisión do delito e asegura no seu escrito que a xornalistas incurriu en "claros excesos polo contido concreto de certas informacións". O grupo Joly, editor do xornal, xa anunciou tamén que a sentenza fora recurrida (TSXA).
A condena recibiu un rexeitamento unánime dentro da profesión xornalística. Nun comunicado, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas considera que "o veredicto senta un perigoso precedente en tanto que pon en risco tanto o futuro da liberdade de prensa en España como o dereito fundamental á información da cidadanía" e critica que "os maxistrados arroguen para si a potestade de determinar cando unha información resulta de 'relevancia pública' ou de “interese xeral'”. Tamén elevaron a voz contra as asociacións de prensa de Andalucía, que incidiron en que "a Xustiza ten o deber de protexer e defender a información veraz, nunca perseguila", así como o Sindicato de Periodistas de Andalucía, que asegurou que a sentenza "invita á autocensura e pon en risco o exercicio do xornalismo".
CPXG