Procesado o xuíz Miguel Florit por atentar contra o segredo profesional dos medios de comunicación baleares
O Tribunal Superior de Xustiza das Baleares decidiu levar a xuízo ao xuíz Miguel Florit, pola intervención nas sedes do Diario de Mallorca e Europa Press en Palma na que se requisaron teléfonos móbiles, computadores, pendrives e documentación en papel de xornalistas, en busca de datos sobre as fontes da información publicada sobre o caso Cursach.
A maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza das Baleares, Felisa Vidal decidió este mércores 12 de xuño procesar a Miguel Florit, xuíz do caso Cursach, polos presuntos delitos de prevaricación xudicial, contra a inviolabilidade do domicilio, contra o libre exercicio do dereito á información na súa vertente do segredo profesional e de interceptación ilegal de comunicacións.
Os feitos remóntanse ao 11 de decembro de 2018, cando a policía se presentaba, por orde de Florit nas sedes do Diario de Mallorca e Europa Press en Palma para requisar teléfonos móbiles, computadores, pendrives e documentación en papel, na busca de datos sobre as fontes da información publicada sobre o caso Cursach. Posteriormente, sóubose tamén que o xuíz pedira o rexistro dun ano de chamadas da delegación da Axencia EFE nas Baleares, así como das comunicacións e a ubicación do teléfono móbil dunha redactora.
A intervención xudicial provocou numerosas protestas na profesión xornalísticas, entre elas un comunicado de protesta da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas ou o Manifesto en defensa do dereito á información e liberdade de prensa. Ademais, Europa Press, o Diario de Mallorca e os xornalistas José Francisco Mestre e Blanca Pou presentaron unha querela contra o xuíz Florit que está na orixe do seu actual procesamento. Por outra banda, a ampliación da querela que pretendía incluír tamén ao fiscal Anticorrupción Juan Carrau, que avalou a incautación dos móbiles, foi finalmente rexeitada en abril deste ano.
Polos ataques sufridos contra o segredo profesional, así como pola súa resistencia a eles, o Diario de Mallorca e as delegacións baleares de Europa Press e Efe foron candidatos este ano ao XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.
CPXG