Proposta do Colexio de Xornalistas para obxectivar a concesión de axudas aos medios

A búsqueda dunha información de calidade, contribuir a facer real o pluralismo e a diversidade, e facer posible un sistema mediático cohesionado e competitivo, no que á lingua se lle garanta un estatus de normalidade, son obxectivos nos que deberan centrar as súas directrices as políticas de comunicación un Goberno democrático.

Non sucedeu así ata o de agora en Galicia, onde as axudas aos medios viñeron formando parte do mercadeo político, obviando para iso os procedementos de publicidade, obxectividade e control parlamentar. Esta total ausencia de transparencia e de criterios para o reparto de axudas favoreceu unha perversa complicidade entre os medios e o poder, o que trouxo como consecuencia o seu descrédito.

As forzas políticas que conforman o actual goberno de coalición, PSdG e BNG, comprometéronse nos seus programas e nas súas procramas a mudar de raíz o modelo de relación cos medios de comunicación privados. Así llo demandaran numerosos colectivos sociais, alarmados pola perigosa deriva na que deran as políticas de comunicación durante os anos do fraguismo, e así o souberan recoller. Un deles, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que denunciou sempre o oscurantismo e a mercadotecnia política nos procesos de concesión de axudas públicas aos medios de comunicación privados.

O goberno bipartito ten agora a mellor ocasión para cambiar a natureza das relacións entre o poder político e os medios, sempre coa perspectiva de potenciar e dinamizar en Galicia o seu espazo social de comunicación, que non será real a menos que o sistema mediático se acople ás múltiples demandas dun país plural. Para iso terá que establecer criterios de actuación que teñan como horizonte os obxectivos que se lle esixen a unhas políticas de comunicación non contaminadas.

Para contribuir en positivo a ese cambio, o CPXG elaborou unha proposta cos criterios que mellor poderían obxectivar a distribución de axudas, sempre na perspectiva de contribuir ao afortalamento do noso sistema de comunicación e á súa democratización, que terá na calidade, no pluralismo e na diversidade de modelos o seu verdadeiro norte.

A PROPOSTA SOBRE AXUDAS AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

  • 1. Mediante un decreto e despois dun debate no que tomen parte medios, organizacións profesionais, expertos e sociedade.
  • 2. Unha proposta de baremos:
    • A) Axudas automáticas para medios de comunicación en galego (escritos, audiovisuais, na rede):
      • a) axudas directas
      • b) axudas indirectas: subscricións a centros dependentes da Xunta, publicidade institucional, deducións fiscais...
    • B) Axudas (directas e indirectas) para o financiamento de PROXECTOS presentados polos medios de comunicación indistintamente se utilizan o galego ou o castelán na súa comunicación habitual cos públicos– a través dun concurso público, no que se valorarán os seguintes criterios:
      • a) pluralismo e diversidade de medios (porque é un deber do Goberno garantir a pluralidade e a diversidade tanto no relativo aos soportes que fagan competitivo o espazo galego de comunicación, como no que é ou debera ser normativo, que cubran todo o espectro social e político)
      • b) socialización: acceso xeralizado aos medios e á información a través de tódolos soportes posibles (tendo en conta eiquí a dimensión e a cobertura ou difusión), favorecendo e dinamizando os procesos de distribución e contribuíndo a abaratar os custos indirectos (papel, correos, etc.)
      • c) cualificación ou mediación cualificada:
        • 1.- profesionalización e especialización: equipos humanos e recursos, condicións laborais dos profesionais, etc.
        • 2.- democratización dos procesos de produción: consellos de redación, ombudsman independentes, etc.
        • 3.- tecnoloxización e innovación


Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.