Publícase a 'Guía para o benestar e a saúde mental dos profesionais da información'

O Col·legi de Periodistes de Catalunya, xunto ao Col·legi Oficial de Psicologia de Catalunya, veñen de publicar a súa Guía para o benestar e a saúde mental dos profesionais da información que tenta atallar os retos emocionais e de saúde mental derivados da profesión identificcando os problemas máis comúns e ofrecendo consellos para resolvelos. 

O Col·legi de Periodistes de Catalunya presentou este mércores na súa sede de Barcelona a Guía para o benestar e a saúde mental dos profesionais da información, elaborada por Dolors Liria e Ariadna Vilà e que o colexio catalán vén de editar conxuntamente co Col·legi Oficial de Psicologia de Catalunya. O documento presenta un conxunto de recursos destinado a axudar ás e aos xornalistas a identificar e xerir os retos emocionais e de saúde mental derivados da profesión. O degà dos xornalistas cataláns, Joan Maria Morros, afirmou na presentación que o 60% dos xornalistas consultados nunha enquisa interna do Col·legi "consideran abandonar a profesión com unha opción viable por causa de problemas de saúde mental".

A guía detalla os problemas de saúde mental máis frecuentes na profesión: estrés e baixa satisfacción, esgotamento e burnout, dificultades de concentración e dificultades para estabelecer límites, ademais de tres específicos das mulleres xornalistas (dificultades para conciliar a vida laboral e persoal, acoso a través das redes e teito de cristal. A continuación, presenta unha serie de consellos para tentar palialos, que se resumen en sete puntos: Non estar sempre en garda, acordar coa empresa os termos e a cantidade de traballo con antelación, definir unhas condicións laborais mínimas e marcar horizontes temporais, relativizar as críticas, estabelecer limites e un orde de prioridades na comunicación dixital, recoñecer a importancia do descanso e pedir axuda profesional se é precisa.

A publicación desta guía inclúese nunha serie de medidas que o Col·legi de Periodistes prepara para atallar os problemas de saúde mental das e dos xornalistas, nas que se inclúen tamén un curso formativo impartido pola psicóloga Glòria González e un acordo coa Fundació Galatea para ofrecer sesións de asesoramento psicolóxico a prezo reducido.

CPXG