Publícase unha guía sobre os dereitos e deberes do fotoxornalismo
Varios organismos profesionais cataláns e valencianos (o Col·legi de Periodistes, o SPC, o Sindicat de la Imatge UPIFC, o CIC e a UPV) elaboraron a guía Drets i límits del periodisme gràfic, que, a través de exemplos reais, quere fornecer os e as fotoxornalistas dunha ferramenta que lles permita traballar con seguranza xurídica, pondo sempre o foco da defensa da liberdade de información.
O Col·legi de Periodistes de Catalunya, en collaboración co Sindicat de Periodistes de Catalunya/Sindicat de Professionals de la Comunicació (SPC), o Sindicat de la Imatge UPIFC, o Consell de la Informació de Catalunya (CIC) e a Unió de Periodistes Valencians, veñen de facer pública Drets i límits del periodisme gràfic, que recolle o marco normativo no que se encadran as coberturas fotoxornalísticas.
Este documento, inspirado nunha guía similar publicada pola UPV en 1998 nace da necesidade de protexer o espazo de traballo dos fotoxornalistas, que adoitan ver limitado o seu acceso a eventos de interese público. A guía pretende dar resposta á crecente criminalización da fotografía, que reduce a transparencia e complica a defensa da liberdade de información e da pluralidade. a pesar de que o dereito á información prevalece sobre o dereito á propia imaxe.
A guía parte de situacións reais para ofrecer a fotoxornalistas unha ferramenta “que protexa os dereitos de información e privacidade co o obxectivo de axudar aos profesionais a traballar con seguridade xurídica e a salvagardar a liberdade de prensa”. Así, recóllense apartados sobre o dereito á información, o dereito á honra, a protección de datos e os dereitos de autoría, respondendo a cuestións como a posibilidade de fotografar as forzas de orde pública, o dereito á honra das persoas falecidas ou a utilización de imaxes das redes sociais. Nos anexos, ademais, recóllense extractos de diversas normativas que afectan ao exercicio do fotoxornalismo.
A guía foi presentada este xoves 7 de novembro, nun acto que contou coa presenza do decano do Col·legi de Periodistes Joan Maria Morros, o avogado Josep Cruanyes; Ana Jiménez, en representación do SPC; Xavier Subias, como membro da UPIFC; e Rebeca Pardo CIC. A mesa redonda estivo moderada por Cristina Calderer, membro da Xunta Directiva do Col·legi e responsábel do Grupo de Traballo de Fotoxornalismo.
CPXG