Queixas polas restricións á información no Mundial de Qatar

A publicación dalgunhas das condicións para as acreditacións xornalísticas no Mundial de Fútbol de Qatar, que inclúen a prohibición de captar fotografías ou imaxe de vídeo en numerosas localizacións, volveron levantar as queixas sobre a liberdade de información no país que acolle este evento internacional. A Federación Internacional de Xornalistas instou ao goberno qatarí a abandonar "estes termos e condicións abusivas". 

Cando falta apenas un mes para o comezo da celebración da Copa do Mundo de Fútbol masculino en Qatar, comezan a darse mostras das restricións á liberdade de información que poden sufrir os e as xornalistas, tanto locais como internacionais, que cubran este acontecemento. O xornal británico The Guardian revelaba recentemente as condicións abusivas que se obriga a subscribir aos medios de comunicación á hora de solicitar un permiso para a filmación de imaxes de vídeo e fotografía. Entre elas está a prohibición de gravar en aloxamentos (como as casas da poboación traballadora inmigrante, cuxas condicións ten xerado numerosas críticas), edificios gobernamentais, universidades, lugares de culto, hospitais ou empresas privadas.

A noticia provocou a queixa da Federación Internacional de Xornalistas (FIP), que destacou que "aínda que as regras non prohiben informar de determinados temas", na práctica supoñen que "os medios serán incapaces de investigar asuntos de interese público". Por iso, e lembrando que "a información independente é clave para a transparencia nun evento mundial de este tipo", o secretario xeral da FIP, Anthony Bellanger, instou "ao goberno qatarí a que abandone estes termos e condicións abusivos". 

En novembro do ano pasado, as autoridades de Qatar retiveron durante 36 horas a dous xornalistas da cadea norueguesa NRK por investigar as condicións laborais nos traballos de construción das instalacións do mundial, e algo semellante xa acontecera en 2015 co xornalista alemán Florian Bauer e cun equipo da canle británica BBC. Qatar ocupa o posto número 119 de 180 na Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa de Reporteiros Sen Fronteiras. 

CPXG