Quiroga recibe a visita dos obradoiros contra a desinformación do CPXG

Obradorio realizado o pasado 9 de xullo na Fonsagrada

O programa de alfabetización mediática posto en marcha na provincia de Lugo polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa subvención da Deputación de Lugo, recala esta semana en Quiroga. A Casa da Cultura deste concello da Ribeira Sacra vai acoller este xoves 16 ás 19:30 horas un obradoiro contra a desinformación, impartido pola xornalista Pilar Rodríguez Losada.

Este xoves 16 de xullo vai realizarse, a partir das 19:30 horas, un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunha vintena de localidades lucenses, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar na Casa da Cultura de Quiroga (Rúa Real, s/n).

O obradoiro estará impartido por Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Rodríguez Losada recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

A asistencia ao acto é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa. 

Obradoiros contra a desinformación 

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade. 

Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

CPXG