Recomendacións da FIP para a crise da COVID-19
A Federación Internacional de Xornalistas (FIP), vén de editar unha guía de seguranza do traballo xornalístico na crise da COVID-19. O obxectivo da guía é asesorar a traballadores e traballadoras de todo o mundo que deban continúar co seu labor durante a pandemia, e a FIP pide que sexa compartida con todos os xornalistas e as empresas de comunicación.
Incluímos a continuación o contido da guía da FIP:
Coronavirus (COVID-19): Consellos da FIP para profesionais da comunicación
A pandemia global polo coronavirus (COVID-19) afectou aos/ás xornalistas no seu lugar de traballo, nas súas viaxes e na forma de traballar en todo o mundo. En situacións tan delicadas como esta, a saúde dos/as profesionais dos medios, así como a das persoas coas que entran en contacto, ten que ser de prioridade máxima en todo momento.
Os sindicatos están a traballar cos empregadores dos medios de comunicación e os gobernos para tratar os problemas de seguranza xurdidos por esta crise e que tanto preocupan aos/ás traballadores/as. Tamén están a prestar apoio e asesoramento aos/ás afiliados/as a nivel local.
Con este mesmo propósito, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP), a maior organización de xornalistas do mundo, que representa a máis de 600.000 profesionais en 146 países, publica esta guía de traballo para xornalistas coas recomendacións dos expertos en saúde nestes tempos de crise sanitaria.
1. Un entorno de traballo seguro
- Os/as empregadores dos medios de comunicación teñen que abordar o brote de coronavirus como unha crise de saúde e seguranza e cumprir co seu deber de coidar e protexer os/as seus/súas traballadores/as;
- Os/as xornalistas e outros/as profesionais dos medios de comunicación, así como as súas organizacións, teñen que estar actualizados e seguir as recomendacións e consellos para o público emitidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para se protexeren a sí mesmos e aos demais da enfermidade do coronavirus. A información está dispoñíbel en: https://www.who.int/emergencies/diseases/novel-coronavirus2019/advice-for-public.
- Para isto, ten que considerarse seriamente o traballo desde casa para reducir os riscos de contraer o virus na oficina;
- Os/as xornalistas e outros profesionais dos medios de comunicación teñen que reclamar o seu dereito a traballaren en condicións saudábeis e a non acudiren ao lugar de traballo cando exista risco de contaxio;
- O equipo e o espazo das salas de traballo teñen que ser limpados e desinfectados regularmente, en particular cando son compartidos polo persoal.
2. Organización de viaxes
- Viaxar nesta época de crise pode ser un motivo de preocupación para os/as profesionais dos medios de comunicación, as súas familias e os seus empregadores. Polo tanto, ten que debatirse de maneira franca a necesidade da viaxe e ofrecer un asesoramento médico axeitado ao estado de saúde do xornalista;
- Os/as profesionais dos medios de comunicación teñen dereito a rexeitar, sen risco de perder o seu emprego, calquera encargo nacional ou internacional relacionado co coronavirus cando este represente un perigo real para a súa saúde e a súa vida;
- Os/as xornalistas e outros/as profesionais dos medios de información que se vexan obrigados a viaxar teñen que planificar a viaxe co máximo coidado e tendo en conta as múltiplas restriccións vixentes en moitos países como o peche de fronteiras, a prohibición -e a suspensión- da entrada de estranxeiros nalgúns países e as medidas de corentena aplicadas a todos eles;
- Busque a maior información posíbel sobre o país de destino, incluídas as prohibicións das reunións multitudinarias en varios países;
- Os/as xornalistas que viaxen teñen que esperar ser examinados por posíbel contaxio de coronavirus á chegada e ser chequeados para outras vacinas requiridas. Estas teñen que estar en orde antes da saída;
- Recoméndase encarecidamente obter un seguro de viaxe, especialmente para as viaxes aos países e rexións máis afectados, co fin de garantir un horario de voo flexíbel;
- Os/as profesionais dos medios de comunicación teñen que manterse en contacto regular coas aerolíneas para vixiar os cambios ou cancelacións dos voos reservados;
- Recoméndase obter un seguro que cubra os posíbeis problemas sanitarios derivados da crise actual. A compañía de seguros asociada á FIP, battleface (www.battleface.com), pode proporcionar esa cobertura para as viaxes ao estranxeiro;
- É posíbel que durante a misión se requira o uso de artigos de protección persoal tales como luvas e desinfectantes para as mans, que teñen que adquirirse antes da viaxe, xa que pode que non sexa posíbel adquirilas no país de destino.
3. Cubrir as zonas afectadas pola COVID-19 de forma segura
- Recoméndase extrema cautela aos/ás xornalistas e profesionais dos medios de comunicación que estean en contacto directo con persoas que padecen a enfermidade, o que aumenta o risco de contaxio. Este pode ser o caso, por exemplo, cando se informa desde centros médicos;
- O mesmo risco prodúcese ao informar en instalacións gandeiras. Nestas situacións recoméndase encarecidamente lavar as mans regularmente con auga e xabón, así como utilizar desinfectantes para as mans ou usar luvas;
- Nos programas de estudio é aconsellábel facer as entrevistas por teléfono ou videoconferencia, e non de forma presencial, para limitar o contacto físico. Para as entrevistas externas, os/as xornalistas teñen que utilizar unha extensión para os micrófonos a fin de respectaren a distancia social entre persoas e protexerse dun potencial contaxio;
- Os/as xornalistas tamén teñen que estar alerta ante o risco de que se desaten posíbeis disturbios polas medidas tomadas polas autoridades para conter o virus ou o ataque a cidadáns polas súas orixes;
- É importante seguir as noticias locais para estar informado sobre os anuncios públicos de medidas de saúde pública como a restricción de viaxes locais, que poden ser aplicadas sen aviso previo;
- Tamén pode haber outras restricións á hora de informar, xa que se pode negar aos/ás periodistas o acceso a determinadas zonas, esixirlles que se acrediten ou que as súas imaxes e gravacións sexan eliminadas. É esencial que os/as xornalistas garden unha copia de seguranza enviando o material á sala de redacción o antes posíbel;
- Para obter información e asesoramento a nivel local, póñase en contacto cos sindicatos e asociacións membros da FIP no país de destino: https://www.ifj.org/fr/qui/membres.html.
4. Mobilizar o apoio aos xornalistas independentes
- As organizacións de xornalistas teñen que presionar aos empregadores para que apoien aos/ás xornalistas independentes cuxos ingresos se verán afectados pagando os traballos encargados e non realizados a causa da crise do coronavirus. Tamén poden considerar pagar unha forma de retención aos seus colaboradores ocasionais para cubrir o período de bloqueo nos seus países;
- As organizacións de xornalistas tamén teñen que presionar para que se inclúa aos/ás xornalistas freelance nos paquetes de asistencia financeira dos gobernos para autónomos e pequenas e medianas empresas afectadas polas crises.
CPXG