Recomendacións para evitar a propagación da Covid-19 por aerosois no ámbito do xornalismo

Ante o perigo da transmisión da Covid-19 por aerosois, e as dúbidas xurdidas polas condicións de roldas de prensa ou salas de redaccións, o CPXG quere ofrecer algúns consellos para garantir un desenvolvemento seguro do labor xornalístico.

Estas recomendacións foron realizadas a partir das achegas do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), o Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense, o Colexio Oficial de Médicos da Coruña e a Dirección Xeral de Saúde da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia, aos que se lles solicitaron recomendacións específicas para a protección das  e dos xornalistas.

  1. Todo o mundo ten que levar máscara, tamén as persoas que fan declaracións, mesmo cando se poida manter a distancia de seguranza. Só se pode non usar se se desenvolve un traballo en solitario. Utiliza máscaras homologadas e non excedas o tempo de uso.
  2. Cómpre manter unha separación de polo menos 1,5 metros, tanto de pé como nos asentos. Por iso, é importante reducir a capacidade máxima e utilizar espazos amplos. A maior distancia, menos risco de transmisión. Os canutazos deben evitarse.
  3. Baixar o ton de voz e diminuír os niveis de ruído ambiental favorece a redución da emisión de aerosois. Cómpre garantir espazos tranquilos para o exercicio do xornalismo, onde se poida falar en ton baixo ou traballar en silencio.
  4. Recoméndase realizar ao aire libre o maior número de actividades posíbeis. É preciso reducir o tempo de permanencia en interiores, e evitalos se están concorridos ou mal ventilados. A puntualidade nas comparecencias é esencial.
  5. Medios e organismos deben garantir a ventilación de salas de prensa, redaccións e outros interiores. Preferirase a ventilación natural cruzada, abrindo as ventás un mínimo de 15 minutos antes de entrar no local, mesmo se hai ventilación mecánica.
  6. No caso de espazos sen xanelas e con ventilación centralizada, esta deberá subministrar polo menos 12,5 l/s de aire exterior fresco por ocupante. Cómpre evitar a recirculación de aire e maximizar a entrada de aire exterior.
  7. Se os sistemas levan filtros deben utilizarse aqueles coa maior eficacia posíbel, e se dispoñen de fancoils ou split recoméndase apagalos ou, se non é posíbel, que funcionen a baixa velocidade e de forma continua.
  8. No caso de locais con dificultade para unha ventilación satisfactoria, recoméndase o uso de unidades portátiles con filtros HEPA de alta eficiencia. Todas estas operacións deben realizarse seguindo o criterio do persoal técnico de mantemento.
  9. As persoas que experimenten algún síntoma compatíbel coa Covid-19 non deben ir traballar, nin tampouco as que estiveran en contacto estreito cunha persoa enferma, aínda que non teñan síntomas.
  10. É preciso cumprir coas medidas de hixiene persoal. Ademais, cómpre elaborar un plano de limpeza e desinfección dos locais e dos equipos que se toquen con máis frecuencia, especialmente se son compartidos.
  11. Recoméndase elaborar un plano de continxencia, e informar a todas as traballadoras e traballadores sobre as medidas a tomar ante unha sospeita de Covid-19 no lugar de traballo.
  12. E, por suposto, é necesario seguir ademais as restricións impostas polas autoridades para a zona na que se traballa en cada momento.

Máis información para a prevención da Covid-19 no entorno de traballo aquí, e sobre as recomendacións de ventilación aquí. Podes afondar no risco sobre a transmisión por aerosois neste enlace.

CPXG