Récord de xornalistas encarcerados e aumento do número de asasinados no 2022
Co remate do ano, as organizacións internacionais publican os seus balances sobre a situación da liberdade de prensa no 2022. A Federación Internacional de Xornalistas (FIP), Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) e o Comité para a Protección dos Xornalistas (CPJ) alertan da suba da cifra de comunicadores e comunicadoras asasinados en todo o mundo, tras varios anos en descenso, e do número, nunca alcanzado, de xornalistas entre reixas.
O Balance anual 2022 de Reporteiros Sen Fronteiras recolle ataques cometidos contra xornalistas en todo o mundo, e pon o foco especialmente no número de informadores e informadoras en prisión, 533, un 13,4% máis do que no 2021, onde xa se estabelecera unha marca máxima histórica. Destacan tamén que nunca se rexistrara unha cifra tan elevada de mulleres xornalistas encarceradas, con 78 presas (que representan xa case un 15% dos xornalistas entre reixas), o que supón un aumento dun 30% ao respecto do ano pasado. Entre os países con máis xornalistas en prisión sitúanse China (con 110), Myanmar (62), Irán (47), Vietnam (39) e Belarús (31). O número de xornalistas asasinados sitúase segundo RSF en 57, recuperándose a tendencia alcista logo de dous anos de cifras historicamente baixas. O 65% das e dos profesionais foron asasinados en países en paz, con México (11 xornalistas mortos) á cabeza, seguido de Ucraína (8), Brasil (6), Haití, Siria e Iemen (3 cada un). Nas últimas dúas décadas, RSF documentou o asasinato de 1.868 xornalistas, unha media de 80 por ano. Ademais, 65 xornalistas atópanse actualmente secuestrados e 49 desaparecidos.
Os datos da Federación Internacional de Xornalistas aumentan aínda máis a cifra de asasinados, até un total de 67 xornalistas e traballadores dos medios mortos en ataques selectivos, o que representa un 20% máis que os datos da mesma organización no ano anterior. Segundo a FIP, a guerra de Ucraína sería a principal responsábel dos ataques mortais contra xornalistas, con 12 asasinatos, aínda que a rexión con maior número de mortes sería América, cun total de 29 falecementos, entre os que destacan os provocados polas "organizacións criminais en México e a ruptura da lei e a orde en Haití", con 11 e 6 mortes documentadas respectivamente. A FIP salienta tamén os catro asasinatos rexistrados nas Filipinas e a morte de cinco traballadores e traballadoras dos medios no cadro da crise política en Pakistán. No que fai aos comunicadores e comunicadoras presas, a lista da FIP recolle que polo menos 375 se encontran actualmente en prisión, sendo tamén a máis alta rexistrada pola organización. Os lugares con máis xornalistas presos son China e Hong Kong (84), Myanmar (64), Turquía (51), Irán (34), Belarús (33), Exipto (23) e Rusia e a Crimea ocupada (29). Por todo isto, a federación urxe á votación inmediata da Convención sobre a Seguridade dos e das Xornalistas por parte da Asemblea Xeral da ONU.
Por último, o Comité para a Protección dos Xornalistas publicou as súas propias cifras sobre informadoras e informadores encarcerados, que falan do "máximo nivel en 30 anos". Segundo esta organización, serían 363 as e os xornalistas en prisión a data do 1 de decembro de 2022, o que significaría un aumento do 20 % fronte ao 2021. Na lista do CPJ destaca o caso de Irán, con 62 informadores e informadoras entre reixas, boa parte deles como represión ás reivindicación que están a ter lugar nese país (un total de 49 xornalistas foron arrestados desde o comezo das protestas, 22 deles mulleres). A continuación de Irán, as principais prisións de xornalistas serían segundo o CPJ China (con 43 encarcerados), Myanmar (42), Turquía (40) e Belarús (26).
CPXG