Reporteiros Sen Fronteiras documenta a morte de 50 profesionais da comunicación en 2020

Públicase o balance de xornalistas asasinados no 2020 de Reporteiros sen Fronteiras, que recolle 50 mortos, entre os que cada vez son máis numerosos os falecidos fóra das zonas en conflito bélico. A investigación das tramas de corrupción e do crime organizado seguen a ser as tarefas máis perigosas para os informadores e informadoras, pero aumentan os mortos nas coberturas de protestas.  

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) vén de publicar a segunda parte do seu Balance Anual 2020, referida aos comunicadores e comunicadoras asasinados no desenvolvemento do seu labor profesionail. Entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2020 a organización internacional recolle un total de 50 informadores mortos (45 deles xornalistas profesionais, un xornalista cidadán e catro colaboradores dos medios), un número semellante ao do 2019, no que se documentaron 53 asasinatos, "malia a que as coberturas informativas se reduciron pola epidemia de Covid-19". 

O relatorio volve destacar que, como o ano pasado, segue a descender o número de xornalistas que perden a vida en zonas con conflitos bélicos, mentres que aumentan os asasinatos de informadores e informadoras en países en paz. Mais de dous terzos das mortes deste 2020 (o 68%) producironse en estados sen guerra, principalmente en México (8 asasinatos), a India (4), Pakistán (4), as Filipinas (3) e Honduras (3). Esta tendencia leva observándose desde o 2016, e desde o 2018 son maioría os mortos fora das zonas en conflito bélico. 

En relación con esta maioría de mortes en países en paz, a meirande parte dos xornalistas asasinados (o 84%) foron especialmente sinalados e eliminados de forma deliberada, fronte ao 63% do ano pasado, mentres que só en oito dos casos foron mortos sobre o terreo sen seren brancos específicos. Do mesmo xeito que nos anos anteriores, as coberturas máis perigosas seguen a ser as investigacións sobre casos de corrupción (con 10 mortos), ou sobre o crime organizado (4 mortos), pero en 2020 se produciu a preocupante novidade de que 7 dos xornalistas asasinados o foron mentres estaban a cubrir protestas, un traballo cada vez máis perigoso.

O informe de Reporteiros Sen Fronteiras recolle tamén que polo menos tres xornalistas morreron a causa da Covid-19 ao negarselle o tratamento tras se contagiaren estando presos. Trátase de Aleksandr Tolmatchev, director de dúas publicacións en Rostov del Don (Rusia), Mohamed Monir, detido en Exipto tras participar nunha emisión de Al Jazeera, e o saudita Saleh Al-Shehi, que traballaba para o xornal Al Watan.

CPXG