O CPXG convoca unha xornada de apoio ao xornalismo palestino

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chama a profesión a unir a súa voz á protesta internacional polo asasinato de xornalistas por parte do exército israelí, tralo ataque aéreo que matou o pasado domingo en Gaza os reporteiros Anas al Sharif, Mohammed Qreiqeh, Ibrahim Zaher, Moamen Aliva, Mohammed Noufal e Mohamed al Khalidi.

O CPXG convoca os profesionais galegos da información e todos os colectivos do ámbito da comunicación que queiran sumarse a denunciaren este gravísimo ataque contra a liberdade de prensa o xoves 14 de agosto, concentrándose nos seus centros de traballo ou compartindo nas redes sociais imaxes de apoio ao xornalismo palestino baixo o lema #OXornalismoNonÉUnCrime #JournalismIsNotACrime.

O Sindicato de Xornalistas Palestinos, que no mes de maio recibiu en Santiago o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, contabiliza 238 xornalistas e traballadores de medios de comunicación asasinados en Gaza desde outubro de 2023. Os ataques deliberados a periodistas por parte do exército israelí, que impide a entrada en Gaza da prensa internacional, buscan eliminar as testemuñas do masacre que padece a poboación civil gazatí e constitúen unha violación do dereito internacional e un perigosísimo precedente para a seguridade dos profesionais da información que denunciamos con contundencia.

CPXG