Rouco Varela recoñece a inviabilidade empresarial das televisións católicas

O cardeal e arcebispo de Madrid, Antonio María Rouco, constatou onte a inviabilidade empresarial e profesional dunha televisión informada pola visión cristiá do home e o mundo, se o titular ou o soporte xurídico da canle non pertence ó ámbito institucional da Igrexa.
Rouco fixo esta afirmación durante o saúdo de apertura do primeiro congreso mundial de Televisións Católicas, que se iniciou onte na localidade de Los Negrales (Madrid), e ó que asisten uns trescentos representantes de canles de televisión católicas de 48 países.

Gran transmisor

Tras afirmar que se percibe "cunha inesquivable claridade histórica que coa televisión o anuncio do Evanxeo pode chegar, cuantitativa e cualitativamente, a lugares, ambientes e persoas non alcanzables por outros camiños de comunicación, tradicionais ou non", Rouco Varela resaltou a dificultade de pór en marcha unha televisión católica desde o punto de vista empresarial.

Ante esta realidade Rouco dixo que "chegou o momento histórico de emprender o camiño dun asentamento institucional das Televisións Católicas nas distintas rexións xeográficas e culturais onde a Igrexa está presente e de estreitar e articular un sistema de relacións mutuas e cooperación económico-financeira, técnica e pastoral entre todas elas".

Pola súa parte, Monseñor John P. Fooley, presidente do Pontificio Consello para as Comunicacións Sociais da Santa Sede, destacou que desde fai anos viña sentíndose a necesidade dun encontro amplo entre as iniciativas católicas de televisión, "que se centrase nos aspectos prácticos e de colaboración entre elas".

Eugenio Romero Pose, bispo auxiliar de Madrid, pronunciou o primeiro relatorio do congreso en torno ás notas características das televisións católicas, dicindo que "a catolicidade impón unhas esixencias moi propias e singulares no ámbito da Comunicación, e en concreto nos medios audiovisuais".

Os Príncipes de Asturias recibiron en audiencia a unha delegación deste congreso na que mostraron o seu "interese" pola "situación" das televisións católicas no mundo.

MADRID
DIARIO DE AROUSA / AXENCIAS