RSF crea a aplicación móbil "Chaleco dixital" para protexer os xornalistas nas zonas en conflito

Reporteiros Sen Fronteiras vén de desenvolver "Chaleco dixital", unha aplicación móbil pensada para xornalistas que permite enviar mensaxes de SOS, compartir a ubicación do informador ou debuxar mapas de zonas seguras, para aumentar a protección dos profesionais en situacións de risco. 

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) presentou onte en Madrid a súa aplicación "Chaleco dixital", unha aplicación móbil en castelán para xornalistas, destinada a alertar e protexelos en situacións de risco e zonas de conflito. A aplicación foi desenvolvida por TalentoMobile e conta co apoio do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

A finalidade do “Chaleco dixital” é minimizar os riscos que corren os xornalistas mediante unha aplicación de xeolocalización para smartphones con sistema operativo Android. Permitirá enviar mensaxes de socorro e compartir a ubicación con quen decida o usuario, a través de botóns predeterminados, cando exista un perigo real ou compartir o itinerario dunha viaxe na que exista a posibilidade de sufrir un secuestro o ataque, axudando deste xeito a crear un mapa das zonas seguras. Tamén inclúe a posibilidade de facer advertencias sobre ciberacoso. 

Alfonso Armada, presidente da Sección Española de Reporteiros Sen Fronteiras, asegurou que "aínda que RSF segue a ofrecer chalecos e cascos físicos, que seguirán sendo necesarios, este chaleco dixital dará seguridade aos xornalistas que nos contan o que outros non queren que se vexa". Ademais, insistiu en que é necesario "evitar que isto sexa una ferramenta contra os xornalistas". Ademais de para profesionais da comunicación, a aplicación estará dispoñíbel para cooperantes, activistas de dereitos humanos e outros profesionais.

O acto de presentación do "chaleco dixital" contou tamén cunha homenaxe aos xornalistas David Beriain y Roberto Fraile, asasinados o pasado mes de abril en Burkina Faso mentres estaban a rodar un documental sobre a caza furtiva.

CPXG