RSF e xornalistas especializados reclaman respecto para a información ambiental

No cadro da COP26, xornalistas e medios de información ambiental, xunto a Reporteiros Sen Fronteiras, realizaron o chamamento Urxencia climática, urxencia informativa!, no que se reclaman medidas aos gobernos de todo o mundo que permitan o dereito á información sobre o medio, recoñecendo o papel do xornalismo na loita contra o cambio climático. 

Con motivo da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP26), que se celebra na cidade de Glasgow até o vindeiro venres 12 de novembro, Reporteiros Sen Fronteiras e sesenta xornalistas de 34 nacionalidades distintas, especializados na información ambiental, veñen de facer un chamamento titulado Urxencia climática, urxencia informativa!, no que reclaman aos estados que garantan o dereito á información sobre o medio. Entre as sinaturas encóntranse as da premio Pulitzer no 2020 Gaëlle Borgia, radicada en Madagascar; a francesa Morgan Large, especialista na industria agroalimentaria; o ruso Grigori Pasko, premio RSF e Sakharov en 2002; o indio Soumik Dutta, experto en cuestións de enerxía e xestión do territorio; a sudafricana Khadija Sharife, xornalista de investigación sobre delitos ambientais; ou o xornalista independente Lucien Kosha que traballa o tema dos minerais na República Democrática do Congo… Tamén se encontran entre os primeiros asinantes medios a título colectivo, como o palestino Afaq Environmental Magazine ou o francés Reporterre.

As e os xornalistas asinantes lembran as dificultades para obter información e datos científicos sobre o medio ambiente, así como os numerosos obstáculos que limitan o dereito a informar sobre estas temáticas, cruciais para toda a humanidade. Ante todo iso, consideran que "é urxente que os Estados teñan en conta o papel que ten a prensa na defensa do ambiente e a loita contra o cambio climático" e se poñan en marcha medidas como o recoñecemento do dereito á información como inherente ao dereito a un ambiente sano e o dereito á saúde; o desenvolvemento concreto do dereito internacional para a protección dos xornalistas; ou a dotación á xustiza de medios para loitar contra a impunidade dos crimes cometidos contra os xornalistas ambientais, seguindo a resolución 2222 du Consello de Seguranza das Nacións Unidas. Por último, reclámase tamén obrigas de transparencia para as administracións e as empresas.

Xunto co manifesto, púxose en marcha unha petición cidadá de apoio aberta a todas as persoas que queiran adherirse, que xa conta con máis de 2.500 sinaturas. 

CPXG