RSF retrata a situación dos e das xornalistas de guerra españolas en Ucraína
Un informe de Reporteiros Sen Fronteiras España sobre as e os xornalistas españóis que están a cubrir o conflicto entre Rusia e Ucraína no terreo salienta que case a metade son xornalistas á peza. Os datos revelan tamén unha falta de experiencia profesional e a precariedade económica dos e das informadoras. No que fai á seguranza, máis dun cuarto das persoas enquisadas traballan sen seguro ou sen equipos de protección.
Reporteiros Sen Fronteiras España, en colaboración coas investigadoras da Universidad de Valladolid Dunia Etura e Cristina Martín Sánchez, vén de publicar o relatorio Situación dos xornalistas españois en Ucraína e Fronteiras, no que por primeira vez se fai unha análise dos comunicadores e comunicadoras que están a cubrir o conflicto entre Rusia e Ucraína sobre o terreo.
O informe revela datos como que case a metade das e dos reporteiros (o 48.7%) son freelance e, entre estes, o 16% colabora con varios medios ao mesmo tempo, sen formar parte do cadro de persoal de ningún deles. Un 43,6% si que formaría parte do persoal dun medio de comunicación, mentres que o resto se encontran noutras situacións.
Alén diso, o 25% dos e das xornalistas españolas en Ucraína ten menos de cinco anos de experiencia profesional, unha cifra que se eleva até o 50% no caso dos freelance, e máis do 10% ten exercido a profesión menos dun ano. Obsérvase tamén unha tendencia á precariedade económica, especialmente nas e nos informadores por conta propia, entre os que o 16% non recibe máis de 50€ por cada peza realizada. Con todo, a situación non é moito mellor entre os e as xornalistas contratadas, pois case a metade recibe un salario inferior aos 2.000 euros e o 7% non chega a acadar o salario mínimo interprofesional.
No que fai a seguridade no traballo, case a metade das persoas enquisadas (un 47,4%) asegura ter tido presións ou limitacións para informar. Por outra banda, case un 29% dos e das profesionais non contan cun seguro, sendo esta situación aínda máis grave no caso dos freelances, dos que apenas o 58% están asegurados. No caso dos equipos de protección, o 73,1% conta con eles, cifra que baixa até o 61% ao falarmos de xornalistas á peza.
O 32% de profesionais da comunicación españois que traballan no terreo en Ucraína son mulleres, cunha media de idade de 37 anos, algo máis alta que a dos homes, que se sitúa en 31. O informe inclúe un apartado especial para elas, para averiguar se teñen sudfrido algún tipo de discriminación ou limitación sexista no seu traballo. Un 46% asegura que ten recibido insultos, intimidación ou outro tipo de agresións a través da internet, mentres que máis dun terzo (o 36%) afirma que observaron algún tipo de diferencia no trato co equipo ou colaboradores polo feito de ser mulleres.
CPXG