RTVE asina o seu II Plano de Igualdade
A dirección da Radiotelevisión Española vén de asinar xunto aos sindicatos o seu II Plano de Igualdade, que ten como obxectivos principais garantir a igualdade de trato e oportunidades, promover a presenza equilibrada de mulleres nas áreas e os contidos e incorporar a perspectiva de xénero. O plano inclúe tamén un anexo dirixido á prevención do acoso sexual.
A dirección de Radiotelevisión Española (RTVE) e os sindicatos UGT e SI asinaron este mércores 30 de marzo o II Plano de Igualdade da RTVE, un documento que "marcará o camiño para alcanzar a igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres dentro da Corporación e que axudará a eliminar calquera posíbel discriminación por razón de sexo e a tolerancia cero en materia de acoso sexual e por razón de sexo".
O novo plano de igualdade da radiotelevisión pública ten como obxectivos xerais garantir a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes tanto de maneira interna como a través dos contidos, consolidar unha cultura organizativa comprometida coa xestión da igualdade, promover a presenza equilibrada de mulleres e homes en todas as áreas da Corporación e incorporar a perspectiva de xénero para difundir os valores de igualdade.
Fronte ao anterior plano de igualdade, o novo documento ten como novidade a incorporación dun novo eixo de actuación en materia de contidos, co obxectivo de mostrar unha presenza equilibrada de mulleres e homes, promover unha imaxe equilibrada e plural de ambos os dous sexos, e fomentar a participación activa das mulleres. Refórzase tamén a formación en materia de igualdade e a necesidade de ter unha presenza equilibrada de mulleres e homes. Por último, o plano inclúe como anexo un protocolo de prevención fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, no que se defende a tolerancia cero fronte a estas condutas que constitúen “unha inaceptábel expresión de violencia e unha violación dos dereitos fundamentais”.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) ten defendido en numerosas ocasións a adopción da perspectiva de xénero e a paridade nos cadros de persoal e nos contidos dos medios de comunicación, especialmente nos públicos. Ademais, puxo en marcha a finais do ano pasado un programa de formación para xornalistas en materia de xénero, en colaboración coa Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, do que se desenvolveu con éxito a súa primeira fase. A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero dentro da profesión xornalística é unha das principais preocupacións do CPXG, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura en 2004 da Declaración de Compostela.
CPXG