RTVE pon en marcha 'A gran consulta' para coñecer a opinión cidadá sobre os medios públicos

A gran consulta, unha enquisa sobre a Radiotelevisión Española que se desenvolverá tanto analóxica como dixitalmente, iniciou esta semana a súa andaina para coñecer a opinión da cidadanía sobre o medio público. A campaña vai continuar até xaneiro e servirá para redactar un Libro Branco que sente as bases do novo mandato marco do ente. 

Radiotelevisión Española (RTVE) vén de pór en marcha A gran consulta, unha campaña transmedia de participación que busca coñecer a opinión da cidadanía sobre a televisión pública e a súa función. Desde o ente destacase que esta é a primeira vez que se pregunta á poboación xeral española sobre o papel que debera ter un medio de comunicación público, seguindo o modelo de iniciativas semellantes realizadas en Francia, Gran Bretaña ou Luxemburgo. 

A consulta, que se vai prolongar até xineiro do vindeiro ano, desenvolverase de maneira analóxica na rúa, pero tamén de maneira dixital, cun cuestionario online e presenza en medios dixitais, redes sociais e en todas as pantallas da RTVE. Un total de 36 cidades, entre elas A Coruña e Lugo, xa colaboran colocando nos espazos públicos códigos QR para acceder á enquisa, e outras sumaranse nos próximos días á campaña, que conta coa colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias

Os resultados da consulta servirán para redactar un Libro Branco sobre RTVE, que sirva de alicerce para a redacción dun novo mandato marco da radiotelevisión pública.

CPXG