Sada e Ourense acollen este luns 18 os primeiros obradoiros de Xornalismo na Escola “la Caixa”

Obradoiro de Xornalismo na Escola celebrado o 9 de marzo de 2018 no IES Muralla Romana de Lugo

A cuarta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia, comeza este luns 18 cos primeiros talleres impartidos no IES Isaac Díaz Pardo de Sada e o IES Blanco Amor de Ourense.

Esta nova edición, que levará un total de 90 obradoiros a centros de ensino secundario de toda Galicia, arrinca ás 8:45 co primeiro taller no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, impartido polo xornalista Pablo Díaz Bouza. No mesmo centro, haberá tamén obradoiros ás 10:40 e ás 11:40.  Ademais, á tarde haberá tamén taller no IES Blanco Amor de Ourense, entre as 16:00 e as 17:40 horas, a cargo nesta ocasión de Edgar Melchor Fernández.

Ademais deles, Susana Bastón Carballo, David Fontán Bestilleiro, Davide Fernández García e Alfonso González Redondo son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que impartirán os talleres. Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, estes seis xornalistas tratarán de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Ao longo da semana, Xornalismo na Escola “la Caixa” vai chegar tamén ao alumnado do IES Castro de Baronceli de Verin (o martes 19 ás 9:45 e 11:40), o IES Lagoa de Antela de Xinzo (mércores 20 ás 9.30 e xoves 21 ás 12:30), o IES Alfonso VII de Caldas de Reis (xoves 21 ás 9:10), o IES Cosme López da Rúa (venres 22 ás 10:30) e o CPI Camiño de Santiago do Pino (venres 22 ás 10:30 e 12:30). Moraña, Coles, Laxe, Pontecaldelas ou Redondela serán outras das localidades nas que se impartirán os obradoiros nos vindeiros días.
 
Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.
 
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG