Sae a concurso unha licenza de TDT privada de ámbito autonómico

A Xunta de Galicia publicou as bases para sacar a concurso unha licenza de televisión dixital terrestre autonómica de titularidade privada. Trátase da licenza pola que emitira V Televisión entre 2010 e 2018, logo de que a empresa renunciara á concesión. O prazo para outorgar a nova licenza é de seis meses. 

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns 8 de novembro as bases do concurso público para outorgar unha licenza de televisión de ámbito autonómico e titularidade privada, acordadas o pasado 21 de outubro. O prazo de presentación de solicitudes é de trinta días hábiles a partir do seguinte ao da publicación, e a resolución ten un límite de seis meses para realizarse. Valorarase unha proposta de programación, unha propuesta económica que garanta a viabilidade económica e financeira e unha proposta tecnolóxica que posibilite técnicamente a súa posta en marcha.

A licenza sacada a concurso é a que fora adxudicada en 2005 a Medios Digitales de Galicia, unha empresa creada por La Voz de Galicia para pór en andamento V Televisión, canle que estivo en activo entre 2010 e xaneiro de 2018, cando cesou as súas emisións. En decembro de 2019 a empresa renunciou definitivamente á licenza. Na outra concesión de televisión autonómica realizada naquela altura, á Cadena Cope, emitiu Popular TV entre 2009 e 2013, mais foille prorrogado o prazo para "materializar os compromisos asumidos" nas leis de acompañamento aos orzamentos de 2015 e 2017, e polo momento non se renunciou a esta licenza. 

Á situación das dúas licenzas de televisión privada autonómica hai que sumar que boa parte das licenzas de emisións locais ou comarcais non están tampouco a emitir. Cómpre destacar que a Administración autonómica ten que ser a garante de que se cumpran as condicións das concesións de frecuencias de radio e televisión, e pode rescindir as licenzas no caso de incumprimento. Unha nova concesión de licenzas pode axudar a garantir a pluralidade do espazo informativo galego e consolidar o emprego das e dos xornalistas da nosa comunidade.

CPXG