Santiago acolle o IV Encontro de Xornalismo Iberoamericano

O vindeiro mércores 14 de decembro terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 21) o IV Encontro de Xornalismo Iberoamericano, organizado por eldiario.es co patrocinio de Abanca e Iberia, a colaboración do Media Development Investment Fund e o apoio da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. A xornada, na que participarán destacados xornalistas iberoamericanos, desenvolverase entre as 16:00 e as 20:30 horas, e a inscrición é gratuíta.

Nesta cuarta edición do encontro, os principais asuntos a debate serán os modelos de negocio dos medios de comunicación ante as diversas crises do xornalismo, os riscos de exercer a profesión en América Latina, a innovación no eido das revistas e a auxe do formato dos podcast. Ademais das mesas redondas, haberá tamén unha conferencia de Ignacio Escolar, director de eldiario.es, co título "Para que serve o xornalismo independente".

Entre as persoas participantes destacan nomes como Elda Cantú, editora de The New York Times en español; Mabel Cáceres, directora do semanario peruano El Búho; Daniel Marquínez, director de Proxectos Especiais da Fundación Gabo; Ximena Villagrán, xefa de proxectos de Factchequeado en Maldita.es; Carlos Eduardo Huertas, director da plataforma xornalística para as Américas Connectas ou Maribel Izcue, redactora xefa de 5W.

A asistencia ao encontro é gratuíta. Ademais, a xornada vaise retransmitir en directo a través das redes de eldiario.es. Pódese realizar a inscrición e consultar o programa completo aquí

CPXG