Sechu Pastoriza e Monchi Sánchez analizaron o xornalismo de sucesos nunha nova sesión de 'Aprendamos a ler a información'

O director do centro penitenciario Francisco González, a xornalista Monchi Sánchez, o director de 'La Región Sechu Pastoriza e o decano do CPXG Francisco X. González Sarria.

A sexta sesión do programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", levou este mércores a Sechu Pastoriza, director de La Región, e Monchi Sánchez, redactora de tribunais do mesmo xornal, ao centro penitenciario de Pereiro de Aguiar. O programa pretende ser unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina a través de diálogos sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios de comunicación. 

Aprendamos a ler a información é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios adecuados e colocala nun contexto real socioeconómico, co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción. Para iso, estabelecerase un diálogo coas reclusas no que poidan explorarse tanto as publicacións dos autores como a análise da información diaria cos seus diferentes enfoques. 

Na sexta xornada do programa, Sechu Pastoriza e Monchi Sánchez debullaron as características do xornalismo de sucesos, un xénero que definiron como "complexo" e "extremadamente difícil", lembrando que "a de sucesos é a nova por excelencia porque habitualmente ningún dos actores, agás o xornalista, quere que se conte". Se ben a información de sucesos foi historicamente relacionada co sensacionalismo, Pastoriza e Sánchez reinvindicaron que "lonxe diso, é unha información de interese humano incontestábel e de servizo social" e lembraron que "un bo xornalista de sucesos non busca o espectáculo, busca a verdade". A isto, insistiron, contribuiu a "progresiva profesionalización das redaccións", que propiciou "un avance para afastar este xénero do sensacionalismo e convertelo no que debe ser",  por máis que o informador de sucesos sexa "tamén o máis exposto á crítica social". 

Xosé Pastoriza Martínez, Sechu Pastoriza, naceu en Bueu en 1969 e é licenciado en Xornalismo pola Universidade do País Vasco. En 1991 comezou a traballar como redactor no Grupo La Región, onde desenvolveu a práctica totalidade da súa carreira xornalística. Tras exercer distintas responsabilidades en La Región, La Región Internacional, laregion.es e Telemiño, desde 2008 é director do xornal ourensán. Pola súa banda, Monchi Sánchez é natural da Rúa e licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Redactora de La Región desde 1992, actualmente é xefa de información local e responsábel de sucesos e tribunais desta cabeceira. En 2021 recibiu o premio de xornalismo da Fundación Policía Española.

No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto . O programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", desenvolverase neste centro até o mes de marzo do vindeiro ano, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.

CPXG