Tamara Montero: ″Unha incidencia acumulada por si soa non explica unha pandemia″

Tamara Montero (Foto: Xoán A. Soler)

Tamara Montero é xornalista e traballa na delegación de Santiago de Compostela de La Voz de Galicia, onde forma parte do equipo que está a informar sobre a pandemia da COVID-19 e para o que está a cubrir a actualidade da Consellería de Sanidade e as reunións semanais do comité clínico que asesora á Xunta.

–Levas cubrindo a pandemia desde que sabemos o que significan as siglas COVID-19, cres que está garantida a seguridade das e dos xornalistas no exercicio profesional?

Creo que non está garantida a seguridade de ninguén en ningún momento, esta pandemia o que ten é iso: ninguén está libre de contaxiarse aínda que se poñan todos os medios. Hai protocolos mellores e peores dentro dos medios de comunicación, como tamén pasa á hora de desenvolver a nosa profesión fóra das redaccións.

Se a pandemia trouxo algo bo foi que nos permitiu comezar a organizarnos doutro xeito para facer o traballo. Eu prefiro ir aos sitios e cubrir as cousas presencialmente e penso que tanto nas entrevistas como nas reportaxes que teño feito nestes meses se gardaron as medidas de prevención de maneira moi estrita. Agora temos a posibilidade de desenvolver a cobertura das informacións a distancia e de poder preguntar en streaming nos actos, algo que se foi desenvolvendo a medida que avanzaba a pandemia. Non poder facelo coartaría o noso labor profesional.

–Viches sobrecargada a túa xornada laboral desde marzo?

Si, pero creo que estamos todos igual porque a situación é moi excepcional. En calquera situación cunha presión informativa e unha necesidade de información como a de agora sempre houbo unha sobrecarga de traballo. Penso, por exemplo, no que aconteceu no accidente de Angrois. A nosa non é unha profesión de horarios fixos, penso que é moi vocacional e que xa nos sae de dentro quedarnos cando pasa algo. Agora é moi difícil organizarse porque a información está en desenvolvemento continuo. 

–Consideras que agora é máis necesaria a selección e verificación das novas?

É fundamental, nunha situación de ′infoxicación′ como esta atopámonos con moitísima información e hai algunha que é verificable, pero outra é difícil conseguilo. Un dos principais cometidos dos medios é esa selección e verificación do que publicamos para evitar conspiracións e paranoias, que non poden ter reflexo no discurso dun medio de comunicación minimamente serio.

Falando en xeral, creo que o xornalismo, como profesión, fixo moito ese labor de reelaborar os datos, interpretalos e ofrecer un produto informativo. Co coronavirus estase facendo, sobre todo, información. 

"Se non entendes o que está a acontecer non podes trasladarllo á opinión pública e iso furta o dereito á información dun país"

 

–Que papel consideras que debe ter o xornalismo nesta pandemia?

O noso papel é informar e tratar á poboación como adulta. Nalgún momento pode que fallásemos nisto, pero nós temos que presentar a información para que a xente, desde un punto de vista crítico, conforme a súa opinión propia; non temos que guiar a opinión da sociedade. Debemos lanzar mensaxes claras e apelar á responsabilidade das persoas. 

–Como complicou o teu labor profesional a dificultade de acceso aos datos da incidencia da COVID-19 en Galicia?

Se non tes un bo acceso aos datos non podes facer unha boa información. Se non entendes o que está a acontecer non podes trasladarllo á opinión pública e iso furta o dereito á información dun país, impídenos aos xornalistas facer o noso traballo e contribúe a unha situación de desinformación que é moi perigosa nun momento como o actual. Houbo problemas de acceso aos datos da COVID-19, pero todos intentamos facer o noso traballo máis alá diso.

Ata hai ben pouco Galicia era a única Comunidade, xunto con Estremadura, que daba menos información pública para que a poboación puidese seguir a evolución da pandemia. Os medios tiñamos que calcular os casos positivos diarios, un dato fundamental, pero que non é o único porque sabemos que unha incidencia acumulada por si soa non explica unha pandemia. Por iso é importante non tanto que haxa moitos datos publicados, senón que se explique claramente o significado de cada un deles e como hai que poñelos en relación.  

Houbo unha falta de transparencia que agora se foi arranxando, aínda que eu son moi crítica coa forma na que se están a presentar os datos na web da Administración sanitaria porque estatisticamente resulta complexo manexalos, xa que a serie histórica se corrixe cada día. Temos que ter a oportunidade de contextualizar os datos, ese é o noso traballo. 

"Todos tivemos que facer un curso acelerado de epidemioloxía para enfrontarnos a este coronavirus"

 

–Cales foron as principais dúbidas que se che formularon á hora de comezar a informar sobre este coronavirus?

Todos tivemos que facer un curso acelerado de epidemioloxía para enfrontarnos a este coronavirus. Aprendes unha serie de termos e a trasladarllos á poboación, comezando pola diferenciación dos termos coronavirus e COVID-19. Precísase un equilibrio no emprego de termos científicos, pero hai que ser moi rigorosos coa clase de linguaxe que utilizamos, xa que pode haber matices técnicos importantes. 

–Consideras que a cobertura da COVID-19 provocou a desatención doutros asuntos importantes? 

Si, porque chegou un punto no que todos os medios fixemos un monográfico COVID, tamén porque asistimos a un fito histórico e paramos o mundo durante varias semanas. A día de hoxe toda a actividade segue a estar atravesada pola pandemia. 

–Que foi o que máis te chamou a atención sobre a evolución da pandemia que fomos vivindo? 

É moi interesante estar no medio de todo isto porque vimos como funciona o método científico, e como os criterios evolucionan en función da acumulación de coñecemento. De pronto todos temos o foco no desenvolvemento de vacinas e temos que saber como funciona para informar correctamente. Aprendemos sobre a marcha, tamén a comprender os cambios de criterio clínicos baseados na nova evidencia científica. 

"A profesión asiste a unha tormenta perfecta e a unha crise que nos levou a unha precarización brutal dos medios de comunicación"

 

–Como mellorarías o tratamento da COVID19 dos medios de comunicación galegos?

Contando con profesionais que se dediquen a isto, creando equipos con xornalistas que se poidan especializar e acumular experiencia para elaborar outro tipo de discursos. Temos que estar ben formados para facer mellor o noso traballo e dirixir as nosas preguntas. A profesión asiste a unha tormenta perfecta e a unha crise que nos levou a unha precarización brutal dos medios de comunicación e a unha desespecialización dos profesionais que traballan neles. 

–Recomenda algo que poida servir para mellorar a cobertura informativa da pandemia.

Pareceume moi interesante o libro Epidemiocracia (Capitán Swing), de Javier Padilla e Pedro Gullón, para entender moitas cousas sobre as causas e as consecuencias das epidemias, e que é o que está a pasar nos últimos anos para que os virus teñan un potencial pandémico. 

Ademais, recomendaría que nos leamos entre todos porque cada xornalista ten un enfoque e penso que todos o estamos facendo o mellor que podemos. 

ANA G. LISTE