Tendencias e retos para os medios de comunicación no 2023

A crise dos formatos tradicionais de medios parece non chegar ao seu fin. No futuro inmediato, as empresas de comunicación terán que afrontar as mudanzas do modelos de mercado tanto na prensa escrita, onde o papel aumenta o seu custo ao tempo que perde rendibilidade e difusión, como na televisión, cuxo consumo caeu a mínimos históricos sen que as plataformas acaben de se converter nunha alternativa rendíbel. O audio, porén, parece vivir un bo momento, tanto no que fai á radio tradicional como aos podcasts.  

O ano 2022 pechaba cun dato descorazonador para os medios de comunicación. A enquisa de Gallup reflectía unha baixada histórica da confianza da poboación no xornalismo, o peor dato desde o comezo da serie en 1973. Os datos están referidos aos Estados Unidos, mais reflicten unha tendencia que recollen tamén os datos da nosa contorna e que acentúa aínda máis a crise xornalística. A recuperación da confianza da sociedade ha ser sen dúbida un dos retos principais da profesión no ano que entra. Ademais, o informe que Reuters realiza cada ano sobre tendencias e prediccións no xornalismo recolle tamén a sustentabilidade e a innovación como dúas das liñas mestras que marcarán a evolución dos medios no futuro. 

No que fai á prensa escrita, a principal preocupación é o prezo cada vez máis elevado do papel. Ao aumento dos custos da enerxía e a reconversión de moitas papeleiras cara a outros produtos máis rendíbeis que o papel prensa, veu sumarse o ano pasado a guerra en Ucraína, que dificulta o comercio con este país, Rusia e Belarús, que xuntos representaban en 2021 el 25% do comercio mundial de madeira. O encarecemento pode levar a un aumento do prezo dos xornais, que acentúe aínda máis a caída da venta e da difusión da prensa. Na outra cara da moeda está a prensa dixital, que ademais de consolidar a súa audiencia ten cada vez un maior peso nos ingresos dos medios de comunicación, principalmente a través das subscricións dixitais

A televisión enfróntase tamén a un panorama de profundos cambios. O 2022 foi o ano no que menos se consumiu este medio, e aínda que as plataformas de pagamento están xa moi estendidas, comezaron a perder subscritores por primeira vez na historia. Segundo Kantar Media, os principais desafíos para este medio terán a ver co futuro do visionado, o impacto da inflación, a evolución do uso de datos, o impulso das tecnoloxías nos medios e o camiño cara o Net Zero. O futuro parece que traerá uns modelos que busquen cada vez máis a diversificación, buscando un equilibrio adecuado entre o vídeos baixo demanda e o consumo lineal que poida adaptarse aos distintos tipos de audiencia, e cunha maior presenza da publicidade. 

Máis esperanzadora e a situación da radio, que aumentou a audiencia en 2022 e se revela como o medio con maior credibilidade para os españois. O audio semella estar en auxe e o podcast se revela como unha das apostas máis firmes dos medios de comunicación para o futuro inmediato. Entre as tendencias que marcarán a súa evolución no 2023 encóntranse unha maior presenza da actualidade, a auxe dos programas en vivo e a interacción co público, ademais do reto por monetarizar este formato a través da publicidade e convertelo en rendíbel. 

CPXG