Ubaldo Cerqueiro: "Non ten sentido saber máis de Madrid ou Washington que do concello do lado"

Ubaldo Cerqueiro dirixe desde 2007 Que pasa na Costa, un micromedio dixital que se converteu nun punto de encontro na rede da Costa da Morte. Cerqueiro reivindica a importancia da información local e comarcal, tamén na pandemia, e destaca os problemas para a conciliación coa vida familiar como un dos maiores atrancos que informadores e informadoras tiveron que afrontar desde o mes de marzo.

–Como abordades a información da pandemia nun medio pequeno e comarcal como Que pasa na Costa?

Xa en marzo entendimos que había que ter moita precaución co que se publicaba. Cando se coñeceu o primeiro caso positivo en Fisterra viuse a parte máis fea da sociedade, mesmo con insultos pola rúa á familia da persoa contaxiada. Aí xa nos saltou a alarma e vimos que había que tratar o tema con moitísimo coidado. Paralelamente, os medios embarcáronse nunha carreira por dar antes que ninguén os seguintes positivos e os primeiros mortos, algúns con máis ética e prudencia e outros con menos. Acabamos decidindo facer unha ou dúas análises semanais da evolución da pandemia para non saturar. A atención de todos está na pandemia e de feito en QPC triplicamos as visitas no confinamento, pero a propia xente nos di que temos que falar tamén doutras cousas.

–Como valoras o traballo informativo que están facendo os medios?

Non me gustou case nada, nin eu mesmo me gustei ás veces. Na lectura dos medios houbo demasiado morbo e tremendismo; ás veces parece que a nosa información é mellor cantos máis mortos deamos. Creo que non nos paramos a ver a parte humana de todo isto. O outro día ocorreu un episodio terrible en Cee: de tres persoas contaxiadas de covid que compartían vivenda, tiveron que ingresar a dúas. Quedou soa a persoa de máis idade, en moi malas condicións, e acabou tirada na rúa. É só un exemplo da deshumanización á que está chegando a sociedade. Historias que só podes saber se estás moi cerca, porque hai veciños que cho contan. 

–Cales son as vosas principais fontes informativas?

A figura clave a nivel municipal son os alcaldes e alcaldesas e con eles tivemos que pelexar cando apenas se sabía nada. Algúns tiñan información, outros non, outros non cha querían dar e sempre hai algún que xa nin che colle o teléfono porque algún día che leu algo que non lle gustou. Tamén os sanitarios da comarca, ademais dos propios datos que chegan agora polos condutos oficiais. Pero tamén hai desinformación. Nestes meses tivemos que lidar con algúns bulos moi feos que corrían pola comarca, sempre coa dúbida de se é mellor desmentilos ou ignoralos.

"A conciliación foi durísima mentres os colexios estaban cerrados"

 

–Que atrancos atopaches para informar desde o mes de marzo?

Ademais dos problemas de acceso á información dos primeiros meses, a propia situación familiar. Con dous rapaces de 2 e 5 anos metidos na casa as 24 horas, e co pai e a nai teletraballando, a conciliación foi durísima. Mentres os colexios estaban cerrados non quedaba outra que facer quendas entre os dous: agora traballas ti, agora traballo eu. 

–Facendo da necesidade virtude, nestes meses introducistes algún formato novo. 

Fixemos entre cincuenta e sesenta videoentrevistas e videocoloquios nos ‘Directos de QPC’: alcaldes, científicos e tamén gandeiros, escritores ou deportistas. Falamos tamén con veciñas da comarca que están na emigración e fixemos experimentos como xuntar unha médica e unha música, Alicia Barreiro e Silvia Penide, para lanzar unha mensaxe esperanzadora. Funcionou moi ben o streaming a través de Facebook, que é unha rede na que temos moito alcance. Para a web e o youtube teremos que adaptalo, pero é un formato que pode quedar para o futuro. 

"Sería fantástico que houbese máis proxectos deste tipo noutras comarcas"

 

–Como vos está afectando economicamente a pandemia?

Afectounos menos que a outros medios, aínda que algúns anunciantes habituais tiveron que pechar os seus negocios e teriamos que traballar máis o tema comercial. O proxecto foi medrando pouco a pouco e o xornal acabou converténdose nun axente máis da comarca. Ao final viuse que si se podía facer rendible un diario dixital comarcal neste recuncho do Occidente europeo. De QPC vive unha persoa a tempo completo, e podería vivir cando menos outra se tivésemos unha pequena axuda pública, que lamentablemente non hai. 

–O voso modelo serve para outras comarcas?

Cando hai empresas suficientes pódese soster con publicidade unha pequena publicación dixital de unha ou dúas persoas. Creo que sería fantástico que houbese máis proxectos deste tipo noutras comarcas; nalgunhas xa os hai, ademais de radios ou televisións locais. Sempre digo que a nosa principal misión é vertebrar. Non ten sentido que saibamos máis de Madrid ou de Washington que do concello do lado ou da comarca veciña. Se estou na Costa da Morte, non ten sentido que saiba máis de Palestina que de Ribeira. 

BELÉN REGUEIRA