Última semana para escoller a candidatura gañadora do XVIII Premio Couso

Mònica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija

Ás 14:00 horas do vindeiro xoves de 7 abril, remata o prazo para que os colexiados e colexiadas do CPXG e as socias e socios do Club de Prensa de Ferrol poidan escoller a candidatura gañadora do XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa. As candidaturas propostas para o premio nesta edición son Mònica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija. Accede co teu contrasinal e vota aquí.

O XVIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, ten aberto ata as 14:00 horas do 7 de abril o prazo para votar entre as catro candidaturas: Mònica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija. Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. 

Mònica Bernabé é unha comunicadora catalá coñecida especialmente polo traballo que desenvolveu en Afganistán. Pablo González é un xornalista vasco preso en Polonia, acusado dun delito de espionaxe. Victor Guerrero, informador asturiano, cubriu recentemente a guerra de Ucraína como enviado especial para TVE. Érika Reija, xornalista correspondente de TVE en Moscova desde 2017, abandonaba Rusia logo da aprobación dunha restritiva lei de información. Entre estas catro candidaturas se decidirá o XVIII Premio Couso de Liberdade de Prensa.

Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezasete edicións anteriores foron para Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

WEB DO PREMIO COUSO

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia