Último mes para darse de alta no Colexio de Xornalistas sen pagar gastos de colexiación

Este mes de decembro é o último para aproveitar a promoción posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia polo seu 25 aniversario, grazas á cal as e os xornalistas que se dean de alta até o 31 de decembro non terán que pagar os gastos iniciais de colexiación. 

A comezos deste ano, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) anunciou, como primeira iniciativa para a celebración do seu vinte e cinco aniversario, que ao longo de todo o 2025, as e os profesionais que se dean de alta no CPXG estarían exentos do pagamento de 30,05 euros como gastos iniciais de colexiación. A promoción acada xa os seus últimos días, e só as altas que se produzan antes do 31 de decembro poderán gozar deste incentivo para acceder aos servizos e vantaxes de ser colexiado ou colexiada. 

Desta maneira, o CPXG quere celebrar os vintecinco anos do seu nacemento na Asemblea Xeral celebrada en Santiago de Compostela os días 8 e 9 de abril de 2000, onde foron aprobados os seus Estatutos e elixida a primeira Xunta de Goberno, ademais de lembrar que de igual xeito que o xornalismo non é posíbel sen xornalistas, o CPXG tampouco podería existir sen as e os profesionais que, ano tras ano, contribúen coas súas cotas, o seu traballo desinteresado e o seu apoio, á institución dos e das xornalistas galegas.

As colexiacións realizadas até o final deste ano unicamente terán que abonar as cotas anuais de pertenza ao Colexio para poder contribuír á defensa da profesión. A partir do ano 2026, as novas altas volverán ter que abonar os gastos de colexiación. 

CPXG