Un centro de recursos da apoio ás mulleres xornalistas vítimas da violencia online

O Centro de Resposta á Violencia Online é unha plataforma posta en marcha pola Coalición Contra a Violencia Online co obxectivo de ofrecer axuda ás mulleres xornalistas vítimas deste tipo de ataques na rede, así como recursos tanto para elas como para o conxunto das redaccións e persoas achegadas. O 73% das comunicadoras teñen manifestado sufrir este tipo de ataques no seu traballo, o que o converte nun dos principais problemas aos que se enfrontan as mulleres xornalistas. 

A Coalición Contra a Violencia Online, un grupo de máis de 40 organizacións impulsado pola International Women’s Media Foundation e o International Center for Journalists (ICFJ), ven de pór en marcha un Centro de Resposta á Violencia Online co obxectivo de axudar ás mulleres xornalistas vítimas destes ataques e ofrecer recursos orientados a responder a este tipo de violencia. A violencia online é un dos principais problemas aos que se enfrontan ás mulleres xornalistas. Segundo datos dunha enquisa da Unesco e o ICFJ, o 73% das informadoras que responderon manifestaron ter experimentado este tipo de ataques durante a realización do seu traballo, unha situación que pode ter empeorado aínda máis coa pandemia. Desde o Centro de Resposta salientan tamén que un terzo das mulleres xornalistas consideraron deixar a profesión debido a estes ataques e que un 20% recibiron ataques físicos relacionados coa violencia online.

O centro ofrece respostas ás principais situacións nas que se pode materializar a violencia online (doxing, ataques online, acoso, problemas cunha imaxe, problemas coas contas) e ofrece distintos recursos tanto para xornalistas como para redaccións e persoas achegadas, entre as que se inclúen cousas como información sobre seguranza online, apoio legal ou psicosocial, maneiras de documentar unha agresión online ou consellos para a protección física. Tamén se fornecen recursos para a prevención dos ataques online. Existe ademais unha opción de "Asistencia de emerxencia", por se algunha xornalista precisa axuda urxente, xa que, aínda que o centro non ten capacidade de inicia unha intervención por si mesmo, pode guiar as informadoras necesitadas cara a persoas que si poden facelo. Aínda que a páxina está en inglés, algúns dos recursos individuais están xa dispoñíbeis noutras linguas como castelán ou árabe, e a idea é que todo o contido acabe traducido a varios idiomas, de acordo co carácter global deste problema.

Segundo Julie Posetti, directora global de investigación do ICFJ, "cando te atacan, os teus recursos son limitados, a túa capacidad para enfrontar a situación é limitada, e ademais tes a responsabilidade de buscar as túas propias solucións". El Centro de Resposta á Violencia Online quere alivia a carga das mulleres, ofrecéndolles unha plataforma sinxela a través da que conectar cos apoios axeitados, e deseñada de acordo coas propias necesidades que expresaron as enquisadas pola Unesco e o ICFJ. 

CPXG