Un novo informe alerta dos perigos do xornalismo ambiental

A enquisa publicada pola Earth Journalism Network con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente revela que case catro de cada dez xornalistas ambientais sufriron ameazas repetidas mentres que un once por cento recibiron ataques físicos. O relatorio recolle tamén un aumento do interese mediático polos temas ambientais, mais as e os profesionais especializados seguen a velo como insuficiente. 

Con motivo da celebración, este mércores 5 de xuño, do Día Mundial do Medio Ambiente, a rede internacional de xornalistas ambientais Earth Journalism Network fixo público o seu informe Cubrir o planeta: avaliación o estado do xornalismo climático e ambiental a nivel mundial, realizado pola profesora Gabi Mocatta, da australiana Deakin University, que recolleu información de 744 xornalistas e editores en 102 países distintos, ademais de realizar entrevistas extensas a 74 deles. 

A enquisa global revela que o 39% das e dos xornalistas ambientais recibiron ameazas "ás veces" ou "con frecuencia", e unha porcentaxe semellante se autocensurou á hora de informar sobre cuestións climáticas ou relacionadas co medio. A meirande parte dos presións viñan de parte de persoas implicadas en actividades ilegais como a explotación forestal ou a minaría, mentres que un 30% das ameazas foron con accións legais, o que reflicte unha tendencia crecente ao uso do sistema xudicial para amordazar a liberdade de expresión. O 11% recibiron ataques contra a súa integridade física. 

O estudio mostra tamén que case todas as persoas enquisadas (82%) ven un aumento da relevancia da información ambiental dentro da axenda mediática, mais nas enquisas moitos xornalistas repiten que a presenza do cambio climático nos medios segue a ser menor que a que merece un problema desta magnitude. Outros temas que reflicten como claves son a deforestación, o acceso á auga e saneamento, a contaminación da auga, as políticas gobernamentais e a polución por plásticos. Os e as comunicadoras ambientais ven tamén unha presenza crecente da desinformación sobre o medio, e propoñen algunhas medidas para mellorar a cobertura destas temáticas: máis financiamento para o xornalismo de investigación (79%); máis formación (75%); bolsas para asistir a conferencias e congresos (72%); máis acceso a datos relevantes (67%) e mellores contactos cos expertos (60%).

O aumento das presións e ameazas contra o xornalismo ambiental é unha cuestión que se vén denunciando na profesión desde hai xa algúns anos. Hai uns meses alertábase que a metade das e dos informadores asasinados na India durante a última década estaban a cubrir cuestións relacionadas co medio, nun exemplo de como esta especialidade do xornalismo é cada vez máis perigosa. 

CPXG