Un novo obradoiro leva a Atresmedia a formación sobre tratamento das violencias contra as mulleres
A redacción de Atresmedia en Santiago de Compostela recibiu este xoves formación sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, dentro do programa do Colexio de Xornalistas que continúa o traballo realizado o ano pasado nalgúns dos principais medios galegos, grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia. O obradoiro, impartido por Marga Tojo, reuniu a xornalistas de Onda Cero, Antena 3 e La Sexta.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continuou este xoves co seu programa para levar ás redaccións galegas a formación para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres, cun obradoiro realizado na redacción de Atresmedia en Santiago de Compostela. A xornalista Marga Tojo forneceu aos e ás xornalistas deste grupo mediático de ferramentas para informar de maneira responsábel sobre esta temática, nunha iniciativa posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
A sesión formativa achegou coñecementos e técnicas prácticas, de maneira adaptada ás esixencias e ritmos de traballo dunha redacción, para mellorar a calidade das informacións sobre as violencias machistas. Igualmente, resolvéronse dúbidas e formuláronse reflexións profesionais sobre unha materia informativa que se estendeu nos últimos tempos a tódalas seccións, da Política ao Deporte ou á Economía. Algúns dos puntos tratados foron a diversificación das fontes (con ideas para evitar o abuso de fontes veciñais ou familiares), a contextualización (cunha explicación de por que a violencia de xénero é un problema estrutural e require un tratamento diferenciado con respecto a outros crimes) ou a necesidade de construir un relato xornalístico dos feitos que non caia na culpabilización da vitima e evite a revitimización.
Marga Tojo, especializada en políticas sociais e desigualdade, forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, colectivo na defensa dun xornalismo con perspectiva feminista. As súas colaboracións pasan por medios como Público, eldiario.es, Nós Diario ou a Radio Galega, e ten un mestrado en estudos de xénero e xestión de políticas da igualdade. Ademais de xornalismo, fai novela, ensaio e poesía. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Este obradoiro están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis. Ademais dos talleres abertos xa realizados na Coruña, Santiago e Vigo e da xornada de formación no Diario de Pontevedra, están convocados novos obradoiros abertos este sábado 31 en Lugo e o sábado 7 en Ourense, e desenvolveranse en breve outros en El Correo Gallego e Diario de Ferrol. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
CPXG