Unha declaración europea reivindica medidas para o xornalismo 'freelance'

O pasado venres 24 de xaneiro, a Federación Europea de Xornalistas (FEP) fixo pública a súa Declaración das e dos xornalistas á peza de Europa. O documento, presentado no Centro Cultural de Vichy en Francia ao remate do obradoiro “Negociación colectiva para traballadores autónomos”, organizado pola propia FEP, expón algunhas medidas precisas para garantir unhas condicións de traballo xustas, un trato igualitario e uns medios de vida adecuados para os e as xornalistas freelance en toda Europa.

En concreto, a declaración estabelece dezaoito reclamacións agrupadas en oito apartados fundamentais para abordar a precariedade do xornalismo á peza no continente: condicións de traballo dignas, compensación xusta, acceso á protección social, defensa dos dereitos de autoría, dereitos de negociación colectiva, seguridade e desenvolvemento profesional, financiamento público con condicionalidade social e defensa de dereitos e cambio de políticas. Ademais de significar un compromiso dos e das profesionais con estes principios, faise un chamamento a gobernos, a organizacións mediáticas e ao público para que apoien estas demandas. 

A declaración lembra que "grazas á súa independencia, os xornalistas autónomos son fundamentais para a democracia e a libre circulación da información" e pide unha unión de toda os sectores implicados para garantir "que o xornalismo freelance prospere como pedra angular dunha sociedade libre, informada e democrática".

CPXG