Unha intensa semana de Xornalismo na Escola "la Caixa" leva os obradoiros de comunicación polas provincias de Lugo e A Coruña

Obradoiro da segunda edición de Xornalismo na Escola no IES Fernando Esquío de Neda

A iniciativa 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar os medios de comunicación aos máis novos, terá esta semana unha intensa actividade con obradoiros en Mondoñedo (luns 19), A Coruña (martes 20), Lugo (martes 20 e xoves 22), Neda (xoves 22) e Quiroga (venres 23).

As provincias de Lugo e A Coruña serán as que centrarán esta semana a terceira edición de “Xornalismo na Escola "la Caixa"”. O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` achegará o mundo do xornalismo ao IES San Rosendo de Mondoñedo, o IES Monelos da Coruña, o IES Sanxillao de Lugo, o IES Fernando Esquío de Neda e o IES de Quiroga. Así, o programa desta semana intensa de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 

  • Luns 19 no IES San Rosendo de Mondoñedo, ás 10:20 e ás 12:30. Imparte os obradoiros Maica García Rodríguez.
  • Martes 20 no IES Monelos da Coruña, ás 12:30 e ás 16:20. Imparte os obradoiros Pablo Díaz Bouza
  • Martes 20 no IES Sanxillao de Lugo, ás 8:45. Imparte o obradoiro Maica García Rodríguez. 
  • Xoves 22 no IES Sanxillao de Lugo, ás 12:35. Imparte o obradoiro Maica García Rodríguez.
  • Xoves 22 no IES Fernando Esquío de Neda, ás 9:20 e 11:20. Imparte o obradoiro Pablo Díaz Bouza.
  • Venres 23 no IES de Quiroga, ás 13:00. Imparte o obradoiro Maica García Rodríguez. 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez e Paula Méndez son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas. 

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG