Unha nova guía busca potenciar o xornalismo inclusivo en Europa

A Guía para un xornalismo sensíbel á Diversidade, Equidade e Inclusión, posta en marcha pola Federación Internacional de Xornalistas, a Fundación para la Diversidad e outras tres organizacións italianas é un documento eminentemente práctico que busca transformar o xornalismo europeo nun axente de cambio social e cultural a través de recomendacións, alertas e boas prácticas.

As organizacións agrupadas no proxecto "Avanzando na Diversidade e Inclusión no Xornalismo", cofinanciado por la Unión Europea, veñen de publicar a Guía para un xornalismo sensíbel á Diversidade, Equidade e Inclusión, O documento, dispoñíbel en catro linguas (castelán, francés, inglés e italiano) busca fornecer de ferramentas a xornalistas, equipos editoriais e medios de comunicación europeos para crearen contidos máis representativos, precisos, respectuosos e libres de estereotipos que retraten todas as identidades posíbeis dunha maneira xusta.

En concreto, a guía preséntase como un checklist de recomendacións, alertas e boas prácticas tanto para xornalistas como para as direccións dos medios. Entre outras, inclúense pautas como evitar descricións estereotipadas ou reducionistas, resaltar as historias persoais sen compadecelas ou garantir a diversidade das fontes. Complétase ademais con numerosos enlaces a guías e manuais complementarios, nas catro linguas nas que se presenta o documento. 

O proxecto "Avanzando na Diversidade e Inclusión no Xornalismo" está integrado pola Federación Internacional de Xornalistas, a española Fundación para la Diversidad e as italianas Conferencia Permanente do Audiovisual Mediterráneo - COPEAM, Fondazione Diversity ETS e coordinación C.A.R.E.S. s.c.r.l Osservatorio di Pavia, baixo a coordinación desta última. Conta con financiamento europeo no cadro do programa Erasmus+. 

CPXG