Unha nova semana intensa cunha ducia de obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa" por toda Galicia

A vindeira semana será dunha actividade frenética para “Xornalismo na Escola”, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ coa que se pretende achegar os medios de comunicación aos máis novos, con obradoiros que van chegar á Malpica, Marín, Gondomar, Pontevedra, Ourense, Santiago de Compostela e Maceda.

Continúan desenvolvéndose nos centros educativos galegos os obradoiros Xornalismo na Escola, unha iniciativa do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Obra Social La Caixa que vai pola súa III edición. O programa didáctico achegará a vindeira semana o mundo do xornalismo ao alumnado do IES Urbano Lugrís de Malpica, o IES Illa de Tambo de Marín, o IES Terra de Turonio de Gondomar, o IES Luís Seoane e o IES A Xunqueira II de Pontevedra, o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e o IES San Mamede de Maceda. Así, o programa da vindeira semana de obradoiros é o seguinte: 

  • Luns 16 no IES Urbano Lugrís de Malpica, ás 8:45 e ás 10:40. Imparte os obradoiros Olalla Liñares García.
  • Luns 16 no IES Illa de Tambo de Marín, ás 9:20. Imparte o obradoiro Sara Martínez Fernández.
  • Luns 16 no IES Terra de Turonio de Gondomar, ás 12:35 e ás 17:00. Imparte os obradoiros Emilio Gómez Álvarez.
  • Luns 16 no IES Ferro Couselo de Ourense, ás 16:00. Imparte o obradoiro Xosé Lois Carrión González.
  • Martes 17 no IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, ás 12:45 e ás 16:30. Imparte os obradoiros Mónica González Alonso.
  • Mércores 18 no IES A Xunqueira II de Pontevedra, ás 12:30. Imparte o obradoiro Sara Martínez Fernández.
  • Xoves 19 no IES A Xunqueira II de Pontevedra, ás 12:30. Imparte o obradoiro Sara Martínez Fernández.
  • Venres 20 no IES San Mamede de Maceda, ás 10:45 e ás 12:50. Imparte os obradoiros Xosé Lois Carrión González. 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernández e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Nestas sesións de 90 minutos de duración, dirixidas a alumnado de Secundaria, a rapazada entra en contacto co mundo xornalístico, coñecendo máis de preto o panorama informativo e o funcionamento dos medios de comunicación. Así, combinando teoría e práctica, trátanse cuestións como a liberdade de expresión, o dereito á información, os xéneros xornalísticos, a estrutura das noticias, a selección e xerarquización de contidos, as fontes de información, a diferenza entre os medios públicos e privados, a manipulación e a censura, os riscos e oportunidades da era dixital ou a importancia do propio oficio xornalístico. O obxectivo principal é trasladarlle ao alumnado saberes e ferramentas para seren usuarios formados, críticos e responsables á hora de informarse.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG