Unha nova xornada capacita a xornalistas para educar na alfabetización mediática
Este sábado 31 de xaneiro celebrouse unha xornada de formación en alfabetización mediática organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, na que unha vintena de xornalistas aprenderon os fundamentos da desinformación, así como os recursos didácticos dispoñíbeis para loitar contra ela desde a alfabetización mediática. O curso, impartido por Vivian Rangel, de Maldita.es, busca formar docentes para os proxectos de alfabetización mediática do Colexio.
Unha vintena de colexiados e colexiadas formouse este sábado 31 de xaneiro en alfabetización mediática no edificio Cersia de Santiago de Compostela, nunha nova xornada de formación organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O contido do curso estivo dirixido, ademais de a tratar os fundamentos básicos do fenómeno da desinformación e a alfabetización mediática, a fornecer de recursos docentes para achegar estes temas dunha mellor maneira ao público de todas as idades.
A formación estivo impartida por Vivian Rangel, xornalista especializada en alfabetización mediática cun mestrado en Xornalismo e Comunicación Dixital: Datos e Novas Narrativas da Universitat Oberta de Catalunya. Foi profesora de literatura e cultura na Universidade de Santiago de Compostela durante case cinco anos e actualmente loita contra a desinformación desenvolvendo estratexias educativas para fortalecer o pensamento crítico e a alfabetización mediática en Maldita Educa.
Esta xornada de formación é unha continuación da que xa se realizou no ano 2024 e está destinada a dotar de docentes os proxectos de alfabetización mediática organizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. As persoas participantes que así o desexen pasarán a formar parte dunha bolsa de traballo do Colexio para impartir talleres sobre desinformación en galego, de maneira remunerada. Neste ano xa se está a traballar no desenvolvemento de obradoiros nas provincias da Coruña e Lugo.
CPXG