A xornada 'A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia' explora as posibilidades do oficio xornalístico alén dos medios

  • Fátima Carmena, Ángela Gómez, Lucía González, Luisa Rodríguez e Marta Ferro na mesa de axencias de comunicación
  • De esquerda a dereita, Sara Torreiro, Isaac González, Manuel Rey, Consuelo Luces, Alba Rodríguez e Beatriz Díaz
  • As decanas Belén Regueira Leal e Ana Isabel Rodríguez Vázquez presentan a xornada

O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu na mañá de onte a xornada A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade. As distintas mesas redondas reflexionaron sobre a realidade dun sector cada vez máis importante dentro da nosa profesión.

Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, presentaron a xornada ante un público especialmente formado por estudantado da facultade, interesado nas posibilidades de emprego que poden atopar na comunicación desde as empresas. A continuación realizouse a primeira mesa redonda, moderada por Lucía González Martínez, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea) e directora de márketing e Comunicación de PlaceIn, e na que participaron Fátima Carmena Mayorga, directora da Axencia Nasas; Ángela Gómez Caruncho, directora de Galicia de Torres y Carrera; Marta Ferro Morado, directora xeral de Closet Comunicación: e Luisa Rodríguez Arca, directora rexional de Atrevia. Nela, analizouse a comunicación corporativa desde a perspectiva das axencias de comunicación, explorándose temas como os perfís máis buscados, os desafíos que enfrontan na negociación coas empresas ou a importancia da comunicación social corporativa.  

Tras un pequeno descanso, chegou a hora de analizar a comunicación desde a propia perspectiva das empresas, nunha segunda mesa redonda que contou Beatriz Díaz Lorenzo, directora de comunicación e imaxe corporativa do Grupo Zendal; Isaac González Toribio, director de comunicación e relacións institucionais de ABANCA; Consuelo Luces Cores, responsábel de Márketing e Comunicación de Altia; Alba Rodríguez Rodríguez, da área de comunicación e márketing de Daveiga; e Sara Torreiro Rodríguez, responsábel de márketing e RSC da Casa Grande de Xanceda; baixo a moderación de Manuel Rey Pan, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas. No debate estabelecido entre as participantes tratáronse cuestións como as diferencias e semellanzas entre comunicar desde os medios ou desde as empresas, a necesidade de prever as crises e as situacións de risco ou o uso da intelixencia artificial para a comunicación corporativa. 

Esta xornada vén a completar os seminarios sobre comunicación nas empresas das vindeiras semanas, realizados coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade, e cuxa gravación se disponibilizará os vindeiros días na plataforma de formación do Colexio. De igual modo, a xornada poderá ser visionada na conta de YouTube do Colexio de Xornalistas

CPXG

Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña