Vigo acolle este sábado a formación aberta sobre tratamento informativo da violencia machista
Este sábado 3 de outubro, entre as 10:00 e as 13:00, Marga Tojo impartirá na cooperativa A Morada esta formación dentro do programa organizado polo CPXG que xa chegou a algúns dos principais medios galegos. Esta actividade, gratuíta para todas as persoas interesadas, é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026, e ten aberta a inscrición en liña, así como tamén o taller que se realizará na Coruña o 17 de outubro.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa co seu programa de formación específica sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, co segundo dos tres obradoiros gratuítos que buscan achegar a formación a profesionais que traballan á peza ou en medios pequenos aos que non chegara a formación nas redaccións ou a xornalistas dos grandes medios que non puideron asistir aos talleres anteriores. Neste caso, a formación vai ter lugar en A Morada Cooperativa (Rúa Enrique X. Macías, 6, Freijeiro) de Vigo o sábado 3 de outubro, en horario das 10:00 ás 13:00 horas.
O obradoiro vai estar impartido por Marga Tojo, especializada en políticas sociais e desigualdade, que forma parte da directiva de Xornalistas Galegas, colectivo na defensa dun xornalismo con perspectiva feminista. As súas colaboracións pasan por medios como Público, eldiario.es, Nós Diario ou a Radio Galega, e realiza un master en estudos de xénero e xestión de políticas da igualdade. Ademais de xornalismo, fai novela, ensaio e poesía. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Para poder asistir a este obradoiro é imprescindíbel inscribirse previamente a través deste formulario online. A formación é gratuíta para todos os e as profesionais da comunicación. As prazas, limitadas, adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Posteriormente, entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes na formación.
O programa
Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis. O próximo obradoiro terá lugar na Coruña o sábado 17 de outubro, e o impartirá Fátima Frieiro. O pasado sábado 26 de setembro, tivo lugar un en Santiago da man de Susana Pedreira. Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
A loita contra a desigualdade é unha das principais preocupacións do Colexio, que ten dedicado moitos esforzos especificamente á mellora do tratamento informativo da violencia machista desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás profesionais da información dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG