Vigo e Ourense centran a semana que vén os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa"

Obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado no IES da Guía en Vigo o pasado 5 de marzo

A semana que entra, 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ estará centrada en Vigo e Ourense con obradoiros no ourensán IES Blanco Amor (luns 23) e nos vigueses IES de Teis (luns 23), IES Álvaro Cunqueiro (martes 24), IES Castelao (xoves 26) e IES Santo Tomé de Freixeiro (venres 27).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita esta semana que vén varios dos institutos da cidade olívica (IES de Teis, IES Álvaro Cunqueiro, IES Castelao  e IES Santo Tomé de Freixeiro), ademais do IES Blanco Amor de Ourense. Así, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo é o seguinte: 

  • Luns 23 no IES de Teis en Vigo, das 9:50 ás 11:40 e das 16:00 ás 17:35. Imparte os obradoiros Emilio Gómez Álvarez.
  • Luns 23 no IES Blanco Amor de Ourense, das 16:00 ás 17:40. Imparte o obradoiro Xosé Lois Carrión González.
  • Martes 24 no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, das 10:30 ás 12:00 e das 12:30 ás 14:00.  Imparte os obradoiros Mónica González Alonso.
  • Xoves 26 no IES Castelao de Vigo, das 9:00 ás 10:40, das 11:00 ás 12:40 e das 13:05 ás 14:45.  Imparte os obradoiros Mónica González Alonso.
  • Venres 27 no IES Santo Tomé de Freixeiro en Vigo, das 10:00 ás 11:35 e das 12:35 ás 14:10. Imparte o primeiro obradoiro Emilio Gómez Álvarez e o segundo Mónica González Alonso.

 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernandez e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas. 

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os nove xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG