Volven este sábado os encontros 'Xornalistas no mercado' da Coruña, con Isabel Bravo, Cristina Lombao e Carmen Merelas
O programa de conversas entre profesionais da comunicación 'Xornalistas no mercado', organizado pola demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración de A Parva, regresa este sábado 13 ás 12:00 ao primeiro andar do mercado de San Agustín, coa presenza das tres xornalistas coruñesas entrevistadas no libro A Crónica Revelada: As precursoras do xornalismo galego: Isabel Bravo, Cristina Lombao e Carmen Merelas.
A demarcación da Coruña do Colexio de Xornalistas, coa colaboración de A Parva, a cantina do Mercado de San Agustín, convoca un novo encontro 'Xornalistas no mercado'. Nesta ocasión, a conversa contará coa presenza de Isabel Bravo, Cristina Lombao e Carmen Merelas, tres das xornalistas entrevistadas no libro A Crónica Revelada: As precursoras do xornalismo galego, publicado polo CPXG baixo a coordinación de Eliana Martíns e galardoado nos VI Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña. O acto estará conducido por Dolores Vázquez, membro do Pleno Territorial do Colexio. O encontro terá lugar o sábado 13 de decembro, a partir das 12:00, no primeiro andar do Mercado de San Agustín da Coruña (Praza San Agustín, 1).
Nesta ocasión contaremos coas tres representantes da Coruña entrevistadas no volume. Isabel Bravo (Guipúscoa, 1962), retirada este mesmo ano das ondas da Cadena Ser, foi por máis dun cuarto de século a directora e condutora do progaama máis lonxevo da radio galega, A Coruña opina, un referente da información da cidade. Cristina Lombao, nada en Lugo en 1964, traballa desde 1988 na Radio Galega, primeiro en Santiago e desde 1993 na delegación da Coruña, desde onde dirixiu entre 2007 e 2009 O Tren do Serán. Por último, Carmen Merelas (Barakaldo, 1960) foi a primeira directora dun xornal en Galicia, La Opinión de A Coruña, do que estivo á fronte entre 2010 e 2023. Da man destas tres referentes da información coñeceremos o panorama do xornalismo na cidade e a realidade das mulleres dentro da profesión.
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada consiste nun volume de 230 páxinas editado polo Colexio, así como nun espazo web con materiais adicionais, no que se visibiliza e rescata o papel das mulleres dentro da historia do xornalismo galego, ao tempo que se busca inspirar as novas xeracións con referentes mulleres.
Para iso, combina unha introdución sobre o papel das mulleres desde o nacemento do xornalismo galego con entrevistas a informadoras da historia máis recente: Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní. As autoras das entrevistas son Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso, e a publicación conta con fotografías de Lucía Junquera.
Xornalistas no mercado
'Xornalistas no mercado', un programa de conversas informais entre profesionais da comunicación organizado pola demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración de A Parva, a cantina do Mercado de San Agustín. A asistencia é libre e gratuíta para xornalistas e persoas interesadas na profesión.
CPXG