Xa está dispoñíbel a caixa de ferramentas para xornalistas

PuntoGal oferta xa na súa páxina web a tradución ao galego da caixa de ferramentas realizada pola Global Cyber Alliance para garantir a seguridade das comunicacións e do almacenamento de datos das e dos xornalistas, que compila utilidades para o seu uso sinxelo e de balde. Ademais, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia está a realizar acordos con ambas as dúas organizacións para pór en marcha actividades de formación e ofrecer descontos para colexiados e colexiadas na contratación de dominios .gal.

O pasado venres 14 de abril, presentouse na sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia unha adaptación da caixa de ferramentas que a Global Cyber Alliance (GCA) preparou para os xornalistas e que PuntoGal traduciu e oferta desde a súa páxina nesta ligazón. Esta utilidade para comunicadores e comunicadoras consiste nunha compilación de enlaces nos que se poden usar ou descargar trebellos para a protección dos datos pensados para o seu uso sinxelo, rápido e de balde. 

O que é a caixa de ferramentas para xornalistas

Esta adaptación ao ámbito galego da caixa de ferramentas da Global Cyber Alliance compila ligazóns e utilidades para a seguridade das comunicacións e do almacenamento de datos na rede, organizadas en sete pasos. O primeiro deles é o necesario coñecemento dos sistemas que usamos, para o que se fornecen ferramentas como un modelo de folla de cálculo na que levar conta dos dispositivos, programas e aplicacións instaladas ou un escáner de rede que permite comprobar a seguridade da mesma. O seguinte paso recompila ligazóns para actualizar os sistemas operativos, dado que un sistema sen actualizar é sempre unha fonte de vulnerabilidade. 

A continuación, a caixa de ferramentas ofrece aplicacións para deixar de lado os contrasinais simples, fortalecendoos para protexer os dispositivos e contas. A selección inclúe algunha solución específica para comunicadores, como a versión de 1Password desenvolvida para xornalistas, pensada para cruzar fronteiras gardando a información sensible de maneira online. O cuarto paso é o de protexer os equipos contra o malware ou o phising, mediante software antivirus e bloqueadores que eviten que estean monitorizados.

Outro asunto vital para o traballo xornalístico é a protección dos datos, á que van dirixidos os dous pasos seguintes. O primeiro deles ofrece programas para realizar copias de seguridade e de recuperación, de maneira que se se produce unha perda de información por culpa dun ataque cibernético ou dun accidentes, esta poida ser sempre recuperada. O seguinte grupo de ferramentas basease en evitar que a información sensíbel poida caer en mans non desexadas, facilitando aos xornalistas programas de encriptado ou cifrado de datos sinxelos que aseguren a confidencialidade dos datos. 

O séptimo paso está, por último, centrado na protección e seguridade das fontes, unha parte primordial no labor xornalístico, e das nosas comunicacións con elas. Para iso, ofrécense programas de correo ou mensaxería instantanea con cifrado ou encriptado e mesmo navegadores web que non deixan rastro ou que eluden a censura. Seguindo todos estes pasos recollidos na caixa de ferramentas, as e os xornalistas poden garantir dunha maneira sinxela que o seu traballo e a súa actividade na rede está protexida.  

Máis acordos entre o CPXG, a GCA e PuntoGal

Como complemento desta caixa de ferramentas, a GCA e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia están a acordar a posta en marcha de webinars e actividades de formación nas que contar aos colexiados os detalles de determinados fenómenos dos que cada vez se require máis información e nos que a GCA está, por necesidade, na primeira liña. Esta formación tratará cuestións como malware, ransomware ou phishing, pero tamén de intelixencia artificial, cryptomoedas, ou blockchain

E ademáis, o CPXG e PuntoGal veñen de asinar un convenio polo que as colexiadas e os colexiados poden ter acceso a dominios .gal cun desconto dun 60% no primeiro ano para calquera proxecto que queran poñer en marcha. As persoas interesadas poden solicitar o seu código de desconto no correo xornalistas@xornalistas.gal. Ademais, podes consultar as condicións destes convenios e todos os servizos e descontos para colexiadas e colexiados na sección Descontos da nosa web. 

CPXG

PuntoGal e a Global Cyber Alliance presentan unha caixa de ferramentas para xornalistas