Xa está en vigor o novo epígrafe do IAE para xornalistas

Con efectos a partir do 1 de xaneiro deste ano, xa está dispoñíbel o novo epígrafe específico para xornalistas no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), unha reivindicación histórica da profesión. Se traballas como xornalista autónomo ou freelance, podes darte de alta no grupo 863 da Sección 2, "Xornalistas e outros profesionais da información e a comunicación".

Logo da publicación no BOE do artigo 62 da Lei 22/2021 de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022, que modifica o Real Decreto Lexislativo 1175/1990, xa está en vigor o novo epígrafe específico para xornalistas no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), con efectos para os periodos impositivos iniciados a partir do 1 de xaneiro de 2022. Se traballas como xornalista por conta propia, o epígrafe axeitado para a alta en Facenda no caso de personas físicas é a partir de agora e de forma indefinida o grupo 863 da Sección 2, "Xornalistas e outros profesionais da información e a comunicación"Este epígrafe comprende todo tipo de profesionais "facultados para a obtención, tratamiento, interpretación e difusión de informacións ou contidos a través de calquera medio escrito, oral, visual, dixital ou gráfico, así como para o asesoramento e execución de plans de comunicación institucional ou corporativa".

A inclusión dun epígrafe específico no IAE era unha reivindicación histórica da profesión, que se viu recoñecida polo goberno en outubro do ano pasadoCon esta medida corríxese un prexuízo histórico para as e os xornalistas, que até o de agora tiñan que identificarse na declaración deste imposto cun código CNAE correspondente a pintores, escultores, ceramistas e outras actividades artísticas. A existencia dun epígrafe propio vai enmendar prexuízos ocasionados á hora de acceder a axudas, concursos ou licitacións públicas como xornalistas, ademais de encadrar o exercicio do xornalismo, como fan os estudos universitarios, no ámbito xurídico e social e non no humanístico ou artístico.

Se traballas por conta propia, lembra tamén que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten unha comisión de freelance e xornalistas autónomos, para organizar a este colectivo crecente no ámbito do xornalismo pero a miúdo invisibilizado, e dar resposta ás súas necesidades e reinvindicacións. Se queres colaborar coa comisión podes escribir a xornalistas@xornalistas.gal indicando os teus datos de contacto.

CPXG