Xa podes inscribirte no obradoiro sobre tratamento da violencia de xénero que se celebrará en Santiago o 26 de setembro
O vindeiro sábado 26 de setembro, entre as 10:00 e as 13:00, vai celebrarse no Edificio Cersia de Santiago un obradoiro sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres gratuíto e aberto a toda a profesión, impartido por Susana Pedreira. A actividade está organizada dentro do proxecto do CPXG que xa levou esta formación ás redaccións dalgúns dos principais medios galegos e é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026. Xa está aberta a inscrición en liña, así como tamén para os talleres de Vigo (3 de outubro) e A Coruña (17 de outubro).
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa co seu programa de formación específica sobre tratamento informativo das violencias contra as mulleres, co realización do primeiro de tres obradoiros gratuítos que buscan achegar a formación a profesionais que traballan á peza ou en medios pequenos aos que non chegara a formación nas redaccións ou a xornalistas dos grandes medios que non puideron asistir aos talleres anteriores. Neste caso, a formación vai ter lugar no Edificio Cersia (Rúa do Alcalde Raimundo López Pol, s/n) de Santiago de Compostela o sábado 26 de setembro, en horario das 10:00 ás 13:00.
O obradoiro vai estar impartido por Susana Pedreira, licenciada en xornalismo quee desde 2010 traballa na redacción galega de Onda Cero, en programas como Pontevedra en la onda, Gente viajera, Un alto en el camino e, actualmente, Más de uno Pontevedra. Xunto a DIana López Varela, coordina desde 2018 o encontro As Mulleres que Opinan Son Perigosas. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia.
Para poder asistir a este obradoiro é imprescindíbel inscribirse previamente a través deste formulario online. As prazas, limitadas, adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Posteriormente, entregarase un certificado de asistencia ás persoas participantes na formación.
O programa
Estes obradoiros están integrados no programa de formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención das violencias machistas iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2021, que o ano pasado xa trasladara esta necesaria formación ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade e que continua agora con nove obradoiros máis, dos que xa se realizou o primeiro no Diario de Pontevedra. En próximos días realizaranse tamén obradoiros abertos en Vigo (na cooperativa A Morada o 3 de outubro, da man de Marga Tojo) e A Coruña (o sábado 17 de outubro, impartido por Fátima Frieiro). Este programa formativo é posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2026.
A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. A chegada da formación nesta materia ás redaccións dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".
CPXG