Xa son sete os xornalistas imputados por revelación de segredos a consecuencia do caso González Amador
Tres profesionais de eldiario.es, El Español e El Plural foron citados como imputados por revelación de segredos no cadro da investigación do Supremo sobre o acceso ao correo de Alberto González Amador, o que eleva a sete o número de xornalistas sobre os que pesa esta acusación, pola que nos próximos días declararán catro traballadores de El País, El Mundo e 20 Minutos. Numerosas organizacións xa manifestaron o seu rexeitamento contra estas acusacións, que pode producir un efecto disuasorio que dificulte a información sobre tribunais.
A xuíza Adelaida Medrano, do xulgado de instrución número 20 de Madrid, vén de abrir un procedemento xudicial por revelación de segredos contra tres xornalistas de eldiario.es, El Español e El Plural. A imputación destes comunicadores súmase á que ten iniciada a mesma maxistrada contra outros catro profesionais de El País, El Mundo e 20 Minutos desde o pasado mes de marzo, que declararán nos próximos días. Ambas as dúas causas están encadradas na investigación do Tribunal Supremio sobre o acceso ao correo de Alberto González Amador, a primeira interposta pola fiscal xefa de Madrid, Pilar Rodríguez, e a segunda pola defensa do propio empresario.
As primeiras imputacións xa xeraran un amplo rexeitamento no seo da profesión. Un total de 55 xornalistas xudiciais remitiran daquela un comunicado á presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, Isabel Perelló, no que denunciaban que o procedemento podería "afectar gravemente o dereito da sociedade a unha información veraz" ao producir efecto disuasorio sobre informadores e fontes "que os tribunais internacionais, europeos e españois consideraron extremadamente prexudicial para as sociedades democráticas". A Asociación de la Prensa de Madrid e a Federación de Asociaciones de Periodistas de España, a Asociación de Comunicadores e Informadores Jurídicos e a Plataforma en Defensa de la Libertad de Información tamén fixeron públicos pronunciamentos criticando a decisión xudicial.
Con esta nova causa, xa son sete xornalistas e seis medios distintos os afectados pola imputación de revelación de secretos en relación con este caso, unha situación preocupante para o exercicio do xornalismo na nosa sociedade.
CPXG