Xan Freire: “A precarización dos medios públicos fixo que a tecnoloxía se antepuxese ao xornalismo”

Xan Freire na redacción de informativos da TVG (Foto: Fran Piñeiro)

Este pasado mes de xaneiro facíanse 30 anos da Guerra do Golfo, unha crise que Xan Freire viviu sobre o terreo como enviado especial da Televisión de Galicia. Non era a primeira situación crítica que narraba para as cámaras da Galega. Tamén cubriu o plebiscito en Chile, a hiperinflación arxentina do 89 ou a guerra de Kosovo. Ao longo das máis de tres décadas que leva na televisión pública logo dos seus inicios como correspondente de El Progreso en Barcelona, asumiu tamén responsabilidades na dirección, edición e presentación de informativos. Foi un dos impulsores da creación do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia e formou parte da súa xunta directiva. Na actualidade é redactor do Telexornal Mediodía, onde se ocupou, durante gran parte do último ano, da información estatal ámbito estatal sobre a pandemia.

–Sen mísiles nin bombardeos, pero cunha crise sanitaria mundial, dirías que é comparable o traballo dun reporteiro nunha guerra co que se pode facer no escenario actual?

Non teñen nada que ver, a única similitude posible é o deber do xornalista de contar as cousas que lle pasan á xente nas situacións máis extremas, falar coa xente. Porque ao final, o importante é falar das persoas, nunha guerra ou nunha pandemia.

–E cres que iso se está logrando?

Creo que iso está empezando agora, pero tivo que pasar un ano. É agora cando empezamos a poder ver, escoitar e ler a xente falando do que lle pasa e de como se sente, aos profesionais sanitarios, aos enfermos que sofren, ás súas familias. Ao principio nada, non entrabamos nos hospitais, nin nos achegabamos apenas. E non ten moito sentido falar dunha pandemia e non escoitar directamente aos que a sofren ou aos que a combaten. Agora empezamos a ver algo, pero tampouco moito.

"Tivo que pasar un ano para que puidesemos ver e escoitar directamente os que sofren e os que combaten a pandemia"

 

–Desde a administración sanitaria alegan motivos de seguridade, do dereito á intimidade das persoas. Tamén din que se non está permitido que os familiares estean cos seus enfermos tampouco poden autorizar o acceso da prensa.

Pero a nosa función non vai ser molestar a xente e violar a súa intimidade, evidentemente. Nós imos falar e amosar, no que respecta a enfermos e familiares, a quen queira dar o seu testemuño. E cunha idea moi clara: temos que informar do que ocorre como xornalistas, non como familiares. A xente sofre, e hai que mostrar ese sufrimento, pero sen caer no amarelismo.

Por outra banda, loxicamente as xerencias dos hospitais e os políticos o que non queren é que se vexan as eivas, os erros, o mal facer. Non é unha novidade, os xornalistas somos incómodos ou deberamos selo, vemos as cousas que non están ben e temos que estar. Pero xa non estou seguro de se o problema é ese, o tira e afrouxa de xornalistas e gobernos ou a propia incompetencia dos medios na escala de mando, o baixo nivel profesional nos equipos directivos dos medios. E o que me preocupa é que iso tamén ocorra na televisión pública de Galicia, un servizo público que leva tempo sen ofrecerse.

–E que propós para paliar esa eiva, nunha situación de pandemia como a que vivimos?

Creo que, sobre todo ao comezo, era fundamental facer un esforzo para tentar ofrecer distintos enfoques que axudaran a cidadanía a comprender a orixe, a propagación e medidas de protección contra a pandemia. Botábase en falta unha maior pluralidade nas opinións. O que segue ocorrendo é que hai un excesivo nesgo oficialista nas fontes. En moitas ocasións o barullo político de fondo, que non aporta nada sobre a pandemia e a súa evolución, non deixa escoitar con claridade as explicacións dos médicos e dos científicos. Ademais, ás veces deixa moito que desexar a selección que os responsables dos informativos fan dos entrevistados e das entrevistadas. Vexo que se lles dá cancha con frecuencia a opinadores indocumentados. Habería que achegar datos e ferramentas que lle fagan á xente pensar e ser crítica

E algo moi importante tamén: a focalización da información diaria na pandemia fixo que se agocharan outras noticias transcendentes, que apenas tiveron espazo nas escaletas dos informativos de televisión. Os casos de corrupción política pasaron a un discreto segundo plano, para ledicia de moitos editores, e outros temas de transcendencia pública simplemente desapareceron.

"O xornalismo sempre foi incómodo para o poder; agora, polo que se ve, tamén o é para o escalafón de mando nos medios públicos"

 

–O feito de recopilar datos de distintas autonomías serviuche para constatar diferenzas entre unhas e outras no que se refire á transparencia, á facilidade para que os xornalistas accedan á información? E na información de ámbito internacional?

Sobre todo ao principio había moitas diferenzas entre unhas e outras. Puiden comprobar que Cataluña daba os datos do día con máis rapidez, ofrecía comparativas e estatísticas a través da web, de forma áxil. Accedíase sen problema ningún. Noutros territorios era moito máis complicado, aquí sen ir máis lonxe. Non había datos, para conseguir saber os novos contaxios había que facer contas, con ducias de mortos diarias, as imaxes dispoñibles eran de aplausos. A nivel audiovisual, a información internacional era moitísimo máis rica e con outros ángulos informativos, con imaxes de hospitais desde o primeiro día, que aquí non existían. Na BBC, por exemplo, púidose ver como un reporteiro contaba, desde o interior dun hospital, todo o que alí vía, mesmo dentro do depósito de cadáveres, e iso reflicte esa situación durísima tal e como é.

–Ti encargácheste máis de informar de datos de ámbito estatal e internacional que local. Nunha das entrevistas desta serie, desde un medio comarcal como Que pasa na costa, Ubaldo Cerqueiro dicía que non ten sentido saber máis do que pasa en Madrid ou en Washington que do que pasa no concello máis próximo. Estás de acordo? Como ves a cobertura que se está facendo nos medios de ámbito galego?

O que está pasando en Madrid, xa sexa unha nevarada, xa sexa un colapso de tráfico na M-30 ou mesmo o coronavirus cóbrese case máis que o que sucede aquí. Na nevarada case se informou rúa por rúa madrileña dos problemas que había. E nós teremos que mostrar o que pasa aquí! No meu caso, falando dos medios públicos de Galicia, estamos para a información de proximidade; é certo que non podemos perder de vista unha ollada máis ampla pero temos que facela cos nosos ollos, e non cos de outros. O que sucede en Madrid explicarano os nosos correspondentes alí, pero o que non ten sentido é, por exemplo, pedirlles opinións aos políticos de aquí do que estea pasando en Madrid.

Todo isto vén, en boa parte, porque os medios públicos foron precarizándose, están empobrecidos, e iso tradúcese nunha deterioración da calidade, en que se deixa de facer xornalismo. O problema é que penso que é algo intencionado, porque a información segue estando aí, hai que buscala, contrastala, ir recollela aos lugares onde se produce, e iso non se fai. É máis fácil deseñar o telexornal como un show e poñer á xente a falar diante dunha cámara sen dicir nada novo, e encher así unha hora de informativo. E volvemos ao que dicía antes: o xornalismo é perigoso e incómodo para o poder. Agora, polo que se ve, tamén o é para os que mandan neles, para o establishment profesional dos medios. E está chegando aos postos directivos xente sen experiencia nin capacidade ningunha.

"Para que queres facer unha entrevista a través dunha plataforma en liña se non preguntas o que realmente importa ou non interesa o que che poidan responder?"

 

–A pandemia introduciu o teletraballo na profesión e obrigou a aproveitar a tecnoloxía para sacar o traballo adiante. Están preparadas as redaccións e as e os redactores para esta adaptación tecnolóxica?

Os medios tecnolóxicos son moi útiles e creo que estamos preparados pero, para que queres facer unha entrevista a través dunha plataforma online se non sabes que preguntarlle ao entrevistado? Para que unha conexión en directo se non hai información de interese aí, ou se non preguntas realmente o que é importante, o que non é accesorio? Benvida sexa a tecnoloxía, pero por moita tecnoloxía que teñamos dispoñible segue sendo prioritario que haxa unha boa formación e capacidade xornalística, non pode antepoñerse a posibilidade tecnolóxica ao interese xornalístico. A precarización dos medios públicos tivo moito que ver en que si se antepuxera. E debería sacárselle rendemento á experiencia dos profesionais. Non se está facendo.

–Que se perdeu polo camiño? Que cousas viñeron para quedar, que cousas empeoraron e que cousas melloraron para o traballo xornalístico?

Tristemente creo que non mellorou nada. Pero iso non quere dicir que non se poida virar a dirección. O capital humano témolo, hai xente aí disposta, o que falta é mobilizala e dirixila ben, non o vexo tan difícil, pero hai que querer facelo. Todos os profesionais cometemos erros, o que non podemos é aceptar interferencias no noso traballo. E o que non se pode é ter un cadro de xornalistas excelentes facendo parvadas, desperdiciados totalmente, porque ao cabo, o que estás facendo é fartarlle ao respecto aos espectadores.

MÓNICA ROSAS